MasOrange e a Fundación Orange formarán en competencias dixitais a preto de 26.000 ciudadáns

venres, 4 de abril do 2025 Redacción

MasOrange (a través da súa marca Orange) e a Fundación Orange resultaron adxudicatarias dun total de 5,3 millóns de euros para mellorar as competencias dixitais da poboación española a través do proxecto Todo por aprender, que contempla a formación de preto de 26.000 persoas en todo o territorio estatal até mediados de 2026.
Grazas a esta iniciativa, estas persoas beneficiaranse de máis de 300.000 horas de formacións en coñecemento dixital en todas as comunidades e cidades autónomas, cun foco especial nas áreas rurais para apoiar o desenvolvemento dos seus habitantes e negocios.

Integración das persoas maiores na sociedade dixital

Orange/MasOrange continuará o traballo que viña realizando co seu programa Maiores Conectados, grazas ao cal xa impartiu cursos gratuítos sobre o uso da tecnoloxía, ferramentas e dispositivos a preto de 10.000 persoas maiores de 60 anos.
Grazas a estas novas axudas, 12.000 usuarios sénior máis poderán familiarizarse coa sociedade dixital e cos seus servizos e ferramentas a través de sesións dinámicas, entretidas e, sobre todo, prácticas, coas que ampliarán os seus coñecementos nestes eidos.
Estas novas formacións suporán, ademais, multiplicar por 7 as horas que xa impartira ata o de agora o programa Maiores Conectados, chegando así ás 144.000 horas en total.
O obxectivo destes cursos para maiores é que as persoas participantes superen as dificultades e medos que poden atopar no uso das ferramentas e dispositivos dixitais, facilitando a súa autonomía dixital e mellorando a súa calidade de vida.

Competencias dixitais para mellorar a empregabilidade e o emprendemento

Pola súa banda, a Fundación Orange formará a 13.600 cidadáns sen competencias dixitais, aplicando así a ampla experiencia que desenvolveu ao longo dos anos neste ámbito a través da súa plataforma gratuíta de formación Orange Digital Center, o programa Edyta (para mulleres en situación de vulnerabilidade) e a iniciativa GarageLAB (para mozos en risco de exclusión).
O obxectivo é que todas aquelas persoas sen coñecementos sobre tecnoloxía poidan adquirir habilidades básicas sobre o entorno dixital para aproveitar todo o potencial dos novos desenvolvementos tecnolóxicos.
Isto permitiralles non só mellorar o seu día a día na sociedade dixital, senón tamén ampliar as súas posibilidades de empregabilidade e emprendemento.

12 cursos sobre competencias dixitais no marco da iniciativa Geración D

En ambos casos, a formación desenvolverase ao longo de 12 cursos con sesións presenciais de 8 horas (+4 horas opcionais de titorías) para adquirir habilidades básicas sobre as seguintes temáticas:
– O teu entorno dixital: 1) uso básico do smartphone; 2) cidadanía e identidade dixital; 3) compras e banca en liña.
– Seguridade e protección: 4) seguridade no teu móbil; 5) seguridade en Internet e nas túas redes sociais.
– Xestión do tempo de lecer: 6) aplicacións do día a día; 7) contidos audiovisuais.
– Comunicación e redes sociais: 8) descuberta das redes sociais; 9) bulos e noticias falsas; 10) intelixencia artificial.
– Benestar e acompañamento dixital a menores: 11) uso responsable da tecnoloxía; 12) protección dos menores no uso da tecnoloxía.