Media Markt contrata a 53 ferroláns para a súa nova sede galega
martes, 3 de setembro do 2013
Que unha compañía de
venda masiva de produtos electrónicos como Media
Markt se instale en Ferrol pode ser unha boa nova ou ben unha
mala nova, depende do punto de vista adoptado. Dende logo, o sector
local de distribución de material TIC e electrodomésticos non verá
a chegada do xigante xermano como a axuda que estaba a agardar, máis
ben o contrario. Pola contra, para quen busque estatísticas rápidas
sobre incrementos no nivel de emprego da comarca, a aposta de Media
Markt por Ferrolterra ten algúns números salientables. O máis
importante: os 53 traballadores que foron seleccionados pola compañía
para a súa nova sede no Polígono do Boial.
Esta cifra, dada a
coñecer definitivamente estes días, foi
avanzada xa en xullo pola propia empresa, que subliñaba daquela
o seu compromiso polo desenvolvemento económico da comarca (no
proceso de escolma de traballadores deuse prioridade aos residentes
en Ferrol e Narón, estando o 90% deles en situación de desemprego).
Media Markt tamén apostou pola paridade, xa que a proporción de
mulleres e homes elixidas/os é equiparable. Segundo informou o
xerente da tenda, Jorge Medina, ao Diario
de Ferrol, o proceso de selección non foi doado, sobre todo pola
cantidade de currículos recibidos (máis de 8.000). O establecemento
de Media Markt en O Boial é o número 71 da cadea en España e conta
con 2.500 metros cadrados.
A elección de Ferrol
como nova sede galega da firma, a engadir ás da Coruña, Vigo e
Lugo, tivo que ver no seu día coa potencialidade da cidade galega e
da súa comarca e tamén, “coa súa estrutura descentralizada”,
en palabras de Media Markt. Segundo engadiron a comezos de verán
fontes da empresa, a incorporación de Ferrol aos servizos da mesma
achegará, a maiores, un número importante de empregos indirectos,
sobre todo coa contratación de servizos de mantemento, loxística,
seguridade e publicidade.
