Mediapro non distinguirá entre operadores tradicionais e por Internet na comercialización do fútbol

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) acordou a aprobación da terminación convencional do expediente sancionador incoado a Mediapro por un posible abuso de posición de dominio no mercado de comercialización maiorista de canles de televisión de pagamento premium en España, o que supón que os compromisos asumidos por Mediapro resolven de xeito inmediato o problema de competencia identificado pola CNMC sen a necesidade de pronunciarse de xeito definitivo sobre as condutas anticompetitivas imputadas.
O expediente abriuse tras unha denuncia da empresa que xestiona a plataforma de deportes en streaming Opensport, que pretendía comercializar as canles BeIN Sports e BeIN La Liga, con contidos moi relevantes no mercado español.
Aínda que inicialmente Mediapro negábase a achegar esas canles a Opensport en condicións semellantes ás das plataformas de televisión de pagamento tradicionais, finalmente o xestor dos dereitos mudou de parecer e ofrece un modelo de comercialización maiorista non discriminatorio aos operadores OTT (por Internet).
Podemos entender así que a contratación de paquetes con contidos audiovisuais deportivos a través da Internet vai normalizarse para que os consumidores poidan acceder aos mesmos con independencia do operador de telecomunicacións contratado.

PUBLICIDADE