Medio cento de firmas participaron no Foro Tecnolóxico de Emprego
venres, 9 de marzo do 2018
- Salustiano Mato, reitor da UVigo, presidindo o acto de inauguración do foro
Estes días (até hoxe ao mediodía) celebrouse
nas tres enxeñarías do Campus de Vigo (Minas e Enerxía, Industrial
e Telecomunicación) a 28 edición do Foro
Tecnolóxico de Emprego. Os organizadores do encontro (o alumnado
das ditas escolas) puxeron todo da súa parte para superar os 2.500
currículos recollidos na convocatoria do ano pasado, cousa que de
seguro confirmarán os días vindeiros. Na cita participaron empresas
“clásicas” no foro (Repsol, a operadora de telecomunciacións R,
Aluminios Cortizo ou BorgWarner, entre outras) e outras que se
estrearon, como por exemplo Televés ou EDF Solar ou Norvento. En
total, concorreron medio cento de firmas, 33 con stand de seu.
A xuntanza acolleu unha manchea de conferencias, workshops
e mesas redondas.
Na
inauguración oficial, celebrada a cuarta feira (mércores), o reitor
Salustiano Mato retou ás empresas a ser “quen de reter o talento
que cada ano sae das aulas”.
No acto de apertura tamén participaron Natalia
Caparrini, directora da EE Minas; Íñigo Cuiñas, director da EE de
Telecomunicación, e Ana Megías, subdirectora da EE Industrial, que
amosaron o seu orgullo porque “unha vez máis o alumnado foi quen
de demostrar a súa valía, organizando un evento á altura dos
mellores foros de referencia a nivel estatal”. Na cita tamén
participaron o coordinador xeral desta edición, Martín Rodríguez,
estudante do Grao en Enxeñaría da Enerxía, e máis a responsábel
da primeira edición do encontro, Patricia Leal, que fixo un
percorrido polos inicios da iniciativa na Escola de Enxeñaría de
Telecomunicación, uns inicios modestos (o foro celebrouse no
aparcadoiro da escola e case tivo que ser cancelado por mor do mal
tempo) pero moi esperanzadores, tal e como se demostra na
participación (de alumnado, de empresas tecnolóxicas) desta
convocatoria actual que hoxe remata.
Entre outras moitas cousas, o foro deu acollida a
unha mesa redonda dirixida ao mundo do empredemento, un coloquio co
que achegarse á experiencia de antigos alumnos e alumnas que no seu
día optaron por montar as súas propias ideas de negocio e que hoxe
teñen a satisfacción de vivir da súa propia empresa. Por temas,
tratáronse todo tipo de cuestións relacionadas coa innovación e co
día a día ao que se van ter que enfrontar as/os estudantes que
están a piques de acadar un posto de traballo, ben grazas ao foro,
ben grazas a outras canles de comunicación coas emprestas. Os temas
principais foron a Internet das Cousas e a Industria 4.0, a xestión
da rastrexabilidade (tamén coñecida como trazabilidade),a situación
e futuro do sector mineiro en Galicia, as posibilidades do traballo
virtual, a información a gran escala (Big Data), etc.