Medium reduce o seu cadro de persoal e prepárase para grandes cambios

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Ev Williams é un dos fundadores de Medium

En 2012 naceu Medium da man dos fundadores de Twitter, Ev Williams e Biz Stone, como un xeito de adaptar a publicación de contidos na web ás novas tendencias, no que algúns definen como «se Blogger tivera nacido cando xa existían as principais plataformas de redes sociais». Esta proposta gañou unha grande aprobación, converténdose en toda unha plataforma para a lectura pausada, que consegue que moitos dos contidos publicados aí teñan unha grande repercusión en redes sociais e, en consecuencia, un volume de lectura elevada e, sorprendemente, un nivel de interacción moi superior aos dos blogs tradicionais (nos que os comentarios están practicamente desaparecidos).
Pero a boa resposta dos usuarios non ten un reflexo acorde nas cifras de resultados, e Ev Williams, director xeral de Medium, vén de publicar un comunicado no que advirte dun cambio de rumbo da compañía tras recoñecer que o seu modelo de negocio baseado na venda de publicidade non é sustentable, de aí que teñan que prescindir de 50 postos de traballo (aproximadamente a cuarta parte dos seus traballadores).
Williams recoñece que 2016 foi o mellor ano de Medium, experimentando un crecemento interanual do 300%, e con numerosas publicacións de enorme relevancia (de feito, moitas compañías están a empregar a tecnoloxía de Medium para publicar os seus blogs oficiais), pero detecta unha falta de incentivos para a creación e espallamento de contidos que a venda de publicidade non parece solucionar, polo que precisan dun novo modelo de negocio para non continuar nunha dirección que remate rachando a longo prazo.
Temos así que nos vindeiros meses Medium buscará transformarse nalgo diferente, que tentará compensar aos creadores polo seu traballo con algo máis que a atención que conseguen na web, contribuíndo así tamén á creación de contidos máis aló dos obxectivos dos grandes medios de comunicación (que moitas veces van máis aló do rendemento económico directo).

PUBLICIDADE