Medra en maio a presenza de correo lixo ata situarse en case o 90% do total

martes, 15 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O informe de Symantec sobre a natureza do fluxo de correo electrónico que vai dunha computadora a outra é igual de desalentador cós anteriores. Dito doutro xeito: confirma unha vez máis que só unha cantidade mínima dos e-mails teñen máis ou menos valor, o resto é unha infinita variedade de maneiras de roubarnos tempo, información ou cartos. E o peor de todo é que a porcentaxe de correo lixo non para de medrar: en maio a taxa foi do 89,81%, sendo xusto no mes anterior do 89,22%. O informe de Symantec (que se pode ver en pdf) achega tamén unha serie de datos interesantes sobre as tendencias do spam e máis do phishing amosadas no que vai de ano.
Así, sinálase, segundo as redes sociais continúan a agregar millóns de usuarios á súa base global de usuarios, os spammers tiran proveito deste feito para deseñar novas técnicas semana tras semana. En definitiva, Symantec non fai máis que confirmar o que xa avanzou a empresa NextVision dende Compostela: que hai que ter moito coidado co que facemos nas redes sociais, tendo en conta que o moito que se están a centrar nelas os esforzos dos spammers, agora máis que nunca.
Amais destas novidades cómpre engadir o medre do dominio “.ru” no correo lixo. Polo que atinxe á práctica de suplantación de identidades na Rede (phishing), Symantec constatou unha diminución do 9% en ataques respecto ao mes anterior. As páxinas de phishing xeradas a partir de kits de ferramentas automatizadas de suplantación e roubo de identidades integran o 12% dos ataques, o que representa unha baixada do 3%.