Melide e Arzúa avanzan cara á oficina sen papel da man de UNAYTA e EFA Piñeiral

mércores, 8 de outubro do 2025 S. P.

Co obxectivo de facilitar a automatización de procesos de xestión e administración empresarial e protexer os datos das pemes de Melide e Arzúa, o pasado martes 30 de setembro o centro EFA Piñeiral con sede en Arzúa acolleu unha xornada formativa organizada pola firma tecnolóxica UNAYTA baixo o título Transformación Dixital nas Empresas: Innovación e Eficiencia Operativa a través da Dixitalización.
O encontro reuniu a empresarios e empresarias das comarcas de Melide e Arzúa, así como a alumnado do propio centro educativo, nunha sesión práctica que combinou formación, demostracións e intercambio de experiencias reais sobre o impacto da dixitalización nas pemes.
Segundo informou UNAYTA, a xornada puxo de manifesto que a transformación dixital non é exclusiva das grandes corporacións, senón unha ferramenta imprescindible para garantir a competitividade e a sustentabilidade das pequenas e medianas empresas galegas. “A dixitalización, lonxe de ser unha opción de futuro, consolidouse como unha necesidade inmediata para quen busca ser máis áxil, eficiente e seguro na súa xestión diaria”, engadiu a firma con sede en Ames.
Baixo a premisa básica de avanzar cara á oficina sen papel, abordáronse os principais retos que enfrontan as empresas á hora de substituír o soporte físico por procesos automatizados, rastrexables e conformes coa normativa vixente. Falouse non só de tecnoloxía, senón tamén de cambio cultural, de implicación do persoal e de estratexias para integrar a innovación de maneira progresiva e sostible.
Co obxectivo de facer visibles estes procesos, UNAYTA presentou casos reais desenvolvidos en pemes galegas, demostrando como a aplicación de solucións específicas pode optimizar a xestión e mellorar os resultados operativos de forma directa.
Entre os exemplos abordados destacaron a automatización de facturas e albarás, que reduce erros e acurta tempos administrativos; a anonimización de datos persoais conforme ao RGPD, que reforza a seguridade e o cumprimento normativo; ou o uso de TalentiaSoft, unha plataforma integral que centraliza a xestión de nóminas, ausencias e horarios. Tamén se subliñou a relevancia de contar con procesos de destrución documental certificada, garantía de confidencialidade e de responsabilidade legal nun contexto cada vez máis esixente en materia de protección de información.
“Esta iniciativa”, sinalaron dende a empresa, “reflicte o compromiso conxunto de UNAYTA e da EFA Piñeiral por promover unha formación profesional vinculada ás necesidades reais do mercado e orientada a dotar aos asistentes de competencias clave para o emprego presente e futuro”. Engadiron que a xornada do 30 de setembro “tendeu pontes entre o coñecemento técnico, o talento novo e a realidade empresarial da comarca, deixando claro que a dixitalización non é un concepto abstracto, senón unha oportunidade ao alcance de quen se atreva a dar o primeiro paso”.
A iniciativa reforza o compromiso de UNAYTA e da EFA Piñeiral cunha formación profesional conectada coas necesidades reais do mercado.
O evento contou co apoio das asociacións empresariais de Melide e Arzúa e coa participación de Balbina Gándara Antelo, consultora documental de UNAYTA, quen liderou a sesión achegando unha visión práctica e próxima, baseada na experiencia directa con empresas e adaptada ás particularidades do territorio.