Menús.es faise co Premio Emprendedor XXI Galicia

xoves, 14 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Roi Correa recolleu o Premio Emprendedor XXI Galicia de Web Menus, S.L.

O Premio Emprendedor XXI, iniciativa de ENISA e La Caixa en colaboración co IGAPE, que pretende identificar, recoñecer e acompañar a empresas de nova creación co maior potencial de crecemento, galardoo na súa edición de 2012 en Galicia á empresa Web Menus, plataforma que ofrece información actualizada diariamente de menús e cupóns de desconto de establecementos de hostalaría xeolocalizados por toda España. Grazas a este recoñecemento a compañía recibirá unha achega de 5.000 euros, pasará á fase estatal do certame (cun primeiro premio de 20.000 euros) e poderá participar en 2 experiencias de formación e networking internacional: o curso Ignite Fast Track (impartido pola Universidade de Cambridge) e unha ponte tecnolóxica a Silicon Valley (onde poderán coñecer de primeira man algunhas das empresas líderes mundiais en innovación).
Tamén cómpre destacar ás empresas Cludeen e PéZcalo como primeiro e segundo finalistas. Cludeen desenvolveu un produto de telemetría M2M que busca o control e a xestión eficaz dos recursos deslocalizados das empresas; mentres que PéZcalo é unha plataforma de comercio electrónico, un punto de encontro e un xerador de contidos para os afeccionados á pesca deportiva.
A edición de 2012 destes premios recibiu o dobre de candidaturas que a edición anterior, cun total de 30 empresas participantes, pertencendo o 30% das mesmas ao sector das TIC.
Na entrega do Premio Emprendedor XXI Galicia estivo presente o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen quixo lembrar que a Administración autonómica está a pór a disposición dos emprendedores máis innovadores a través de fondos de capital risco máis de 23 millóns de euros, o que amosa o compromiso da Xunta para “dar un xiro á cultura empresarial e potenciar a valorización do emprendemento”.

Cludeen, Menús.es e PéZcalo foron o máis destacado do emprendemento galego do último ano

PUBLICIDADE