Messenger Rooms xa é unha realidade

xoves, 14 de maio do 2020 Marcus Fernández

A finais do mes pasado Facebook anunciou Messenger Rooms, un servizo de chamadas de vídeo grupais nas que os usuarios de Facebook e Messenger poden xuntarse en salas dende as que poder convidar a persoas que poden participar incluso sen conta de usuario en Facebook, até un máximo de 50 usuarios por sala e sen límite de tempo (buscando este último detalle atraer a usuarios de Zoom que non queren pagar para poder realizar xuntanzas de máis de 40 minutos).
Dende Facebook non concretaran cando serían unha realidade Messenger Rooms, e finalmente hoxe anunciaron o espallamento global desta funcionalidade, ou sexa, que boa parte dos usuarios de Facebook xa poden crear estas novas salas de conversas en vídeo para relacionarse con amigos, familiares ou simplemente outras persoas coas que comparten intereses. As salas de Messenger poden crearse tanto a través de Facebook como de Messenger, e estas salas funcionan tanto vía web como a través das aplicacións de Messenger para móbiles e ordenadores persoais (para o que é preciso contar con versións actualizadas).

PUBLICIDADE