Mestrelab expande o seu negocio e abre oficina en Nova Deli

mércores, 16 de marzo do 2022 S. P.

O equipo de Mestrelab en Santiago nunha imaxe da empresa de 2021

A empresa galega Mestrelab Research, firma compostelá centrada en software científico e análise avanzada de datos, vén de anunciar a apertura dunha nova oficina en Nova Deli (India). As dependencias da compañía no xigante asiático, referente mundial no ámbito tecnolóxico, forma parte do plan estratéxico de expansión internacional de Mestrelab. En palabras de Santiago Domínguez, director executivo de Mestrelab, “India é hoxe en día un dos principais mercados en investigación química e farmacéutica do mundo, sendo de gran interese para a nosa compañía dita apertura”. Domínguez apunta ademais que “desde hai uns anos estivemos traballando neste mercado con distribuidores especializados pero o medre da demanda dos nosos produtos e servizos foi tal que vemos necesario dispor desta oficina comercial”.
Coa inauguración destas novas dependencias, a firma compostelá dispón xa de 8 oficinas (España, oficinas centrais, Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Austria, Xapón, Canadá e -agora- India) distribuídas por todo o mundo para atender, de maneira máis próxima, a crecente demanda de produtos da compañía. Ademais, dispón de revendedores en Corea do Sur, China, Taiwan, Polonia, Israel, Tailandia, Vietnam, Filipinas, Malaisia, Indonesia e Singapura.
A nova oficina está situada en pleno corazón financeiro de Nova Deli, capital de India, e contará nun principio cun persoal composto por dúas persoas cuxo obxectivo será atender a crecente demanda dos servizos que subministra Mestrelab, incrementar a venda dos produtos no devandito país e dar a coñecer entre a comunidade científica local as funcionalidades dos produtos e servixos da firma compostelá.

PUBLICIDADE