Meta contará cun sistema de Notas da Comunidade

martes, 7 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Zuckerber anunciando as Notas da Comunidade para Facebook, Instagram e Threads

Dende Meta están a ceder ante as presións políticas que supón o cambio de Goberno nos EE.UU., e anuncian un cambio drástico nos seus sistemas de moderación de contido, de xeito que desbotarán o seu programa de verificadores de contido independentes iniciado en 2016, como un xeito de evitar a súa propia responsabilidade, deixándoa en mans dos propios usuarios a través dun programa de Notas da Comunidade, na liña ao que fai X (con moi pouca efectividade).
Deste xeito non será Meta quen estableza as notas que figurarán ante publicacións que poden resultar enganosas, senón que serán os usuarios os que poidan emitir as súas matizacións, amosándose publicamente as que a comunidade considere máis atinadas. Aseguran que o sistema procurará evitar nesgos e apostará pola transparencia para que se poidan coñecer as distintas perspectivas discutidas nas Notas.
Este novo mecanismo de moderación entrará en funcionamento nos EE.UU. nos vindeiros dous meses, procurando evolucionar paulatinamente, destacando que este novo xeito de operar busca dar máis liberdade aos discursos políticos, mentres que en paralelo continúan a loitar contra violacións máis claras das normas da plataforma, como o terrorismo, a pornografía infantil, as drogas ou os calotes.