MeteoSIX Mobile rexistra 3.000 descargas en só tres semanas

luns, 27 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A aplicación MeteoSIX Mobile, posta en marcha hai tres semanas para facilitar a achega da información meteorolóxica en tempo real, xa foi obxecto de 3.000 descargas. Segundo engade a Consellería de Medio Ambiente neste primeiro balance de actividade da ferramenta, cómpre ter en conta que a dita cifra de descargas refírese como dixemos ás tres primeiras semanas de vida da aplicación, contabilizadas até o 15 deste mes, o que pon aínda máis de relevo o interese espertado pola iniciativa. Esta, por certo, pretende ser “un instrumento útil para poder consultar a predición en calquera lugar e intre, polo que se amplía a accesibilidade a este tipo de información por parte dos cidadáns”.
O sistema achega dúas vías de acceso. Por unha parte, no Android Market está dispoñible de balde a aplicación MeteoSIX Mobile, que achega a posibilidade de consultar e personalizar a predición para os lugares favoritos. “A aplicación permite buscar sobre un mapa e tamén polo seu nome os lugares e entidades xeográficas sobre as que se desexa consultar a predición e, para cada lugar, poden seleccionarse as variables de predición que máis interesen”, informa Medio Ambiente.
Por outra banda, para profesionais e persoas que estean en estreita relación con datos avanzados e inmediatos sobre meteoroloxía, sinalar que está dispoñíbel un servizo web (API) que subministra o coñecemento en formatos de procesamento doado ou incluso directamente inseríbel noutras páxinas web.
“Ao longo do ano 2012 estenderase a aplicación a todo o litoral atlántico e ao resto da Península Ibérica, con novas melloras e servizos; como a posibilidade de coñecer información relativa ás mareas ou o información relativa ás horas de saída e posta de sol”, infórmase.

PUBLICIDADE