Microsoft anuncia o seu teléfono máis económico con acceso á Internet

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A división de dispositivos de Microsoft anunciou hoxe un novo teléfono básico baixo a marca Nokia, que busca achegar voz e conexión á Rede a mercados emerxentes a un prezo moi asumible, xa que o Nokia 215 chegará ao mercado en modelos para unha ou dúas tarxetas SIM a un prezo de referencia de 29 dólares (antes de impostos).
Este novo teléfono porase á venda este mes con carcasas en verde, negro ou branco, e vén a ser un terminal tradicional con teclado numérico e pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, GSM (a súa velocidade de descarga máxima sería de 236,8 Kbps), cámara de 0,3 Mpíxeles con gravación de vídeo, Bluetooth 3.0, lector de tarxetas microSD de até 32 Gb, radio FM, conector para auriculares, lanterna LED, e unha batería de 1.100 mAh que promete até 29 días en espera e 20 horas de conversa. O seu grosor é de 12,9 milímetros e o seu peso de 78,6 gramos.
Estamos ante o teléfono de Nokia máis económico con acceso á Rede pois, aínda que carece de Wi-Fi ou 3G, si integra o navegador web Opera Mini, buscas en Bing, información meteorolóxica de MSN, Facebook, Messenger e Twitter. Loxicamente non consegue unha experiencia propia dun smartphone, principalmente pola reducida velocidade de acceso á Rede, pero pode ser unha excelente solución para certos mercados que carecen de boas infraestruturas e onde unha boa autonomía resulta crucial.


Vídeo de presentación do Nokia 215

PUBLICIDADE