Microsoft e Asus confirman o lanzamento dun NUC orientado á nube

xoves, 26 de febreiro do 2026 Redacción

Microsoft amplía a súa aposta polos equipos deseñados especificamente para contornos na nube coa presentación dun novo dispositivo Cloud PC desenvolvido en colaboración con Asus, o Asus NUC 16 para Windows 365, un mini-PC ultracompacto orientado a organizacións que trasladan cargas de traballo á nube e que buscan simplificar a xestión dos seus postos de traballo.
O Asus NUC 16 para Windows 365, ten previsto o seu lanzamento europeo no terceiro trimestre de 2026. O equipo destaca polo seu formato de aproximadamente 0,7 litros, o que permite instalalo en múltiples contornos ou mesmo ancoralo detrás dunha pantalla para crear espazos de traballo limpos e sen cables visibles. Está preparado para soportar ata tres monitores mediante conexións HDMI e USB Type-C.
Integra os máis recentes procesadores Intel, memoria DDR5, conectividade Wi-Fi 6E e rede LAN 2.5GbE, garantindo unha conexión estable e de alta velocidade para tarefas de produtividade na nube, colaboración por vídeo e uso de periféricos. Tamén incorpora Bluetooth 5.3 e múltiples portos USB Type-C e USB Type-A para facilitar a integración en diferentes configuracións de oficina.
O equipo arrinca directamente en Windows 365, permitindo ao usuario acceder ao seu escritorio de Windows aloxado na Microsoft Cloud cunha experiencia fluída e de alta fidelidade, resultando ideal para escenarios corporativos con escritorios quentes. Vén preinstalado cun sistema operativo reducido e bloqueado, Windows CPC, que recibe actualizacións automáticas. A xestión realízase de maneira centralizada a través de Microsoft Intune, o que simplifica o control por parte dos departamentos de informática.