Miguel Vidal, experto en Intelixencia Artificial, abrirá en Ferrol os Cafés con Ciencia

venres, 1 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro día 7 comeza en Ferrol, no privilexiado marco ofrecido pola sala de conversas do Casino Ferrolán, o ciclo Café con Ciencia, unha iniciativa organizada por Ártabro Tech e a Universidade da Coruña para dar novos e innovadores pasos na divulgación tecnolóxica e científica, fomentando o achado e o intercambio de experiencias e espertando vocacións. O ciclo foi dado a coñecer onte nun acto no que se fixo fincapé na importancia do emprazamento (a senlleira sala de conversas do Casino, con frescos do pintor Bello Piñeiro e por primeira vez aberta ao público en xeral) e, tamén, na relevancia dos temas tratar. Sen ir máis lonxe, as actividades ábrense o día 7 cun investigador do equipo do Bosón de Higgs.
Na cita de onte participaron a presidenta do Casino, Susana Martínez Galdós; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e o director técnico da empresa Ártabro Tech, Alejandro Casteleiro. Segundo fixeron saber, o programa estará composto por media ducia de charlas, unha cada dous meses, a partir do vindeiro 7 de febreiro. Tanto a vicerreitora Araceli Torres como Alejandro Casteleiro salientaron que o ciclo pretende “reivindicar a universidade española, na que se formaron todos as relatoras e relatores deste programa, moitos traballando agora en equipos de investigación ou departamentos de innovación de empresas no estranxeiro”. Un exemplo disto, sinalaron Torres e Casteleiro, é a carreira profesional do primeiro relator do programa, Miguel Vidal Maroño, responsábel de Aprendizaxe Máquina (Machine Learning) na nova firma innovadora Ártabro Tech.
Vidal Maroño, explicaron, é doutor en Física de Partículas pola Universidade Complutense de Madrid e licenciado en Física pola USC. Desenvolveu o seu traballo doutoral no Fermilab, en Chicago, onde está o segundo acelerador de partículas máis potente do mundo, e despois pasou ao primeiro, no CERN (Xenebra), para integrarse no equipo de investigación do Bosón de Higgs. Formou parte, por tanto, do equipo científico que descubriu a chamada “partícula de Deus” e que mereceu o premio Nobel de Física no ano 2013.
No outubro pasado Miguel Vidal regresou á súa cidade natal, Ferrol, para integrarse na empresa Ártabro Tech e aplicar os seus coñecementos no desenvolvemento de solucións de Intelixencia Artificial.
Alejandro Casteleiro reivindicou “a potencialidade do Campus Industrial de Ferrol” e explicou que a súa presenza na cidade é determinante para que empresas como a súa estean nesta cidade: “Somos unha firma de base tecnolóxica que aposta por Ferrol e pola atracción de talento”, comentou o responsábel da startup, adicada ao desenvolvemento de solucións de Intelixencia Artificial.
Media ducia de conferencias
Seis conferencias, unha cada dous meses, comporán o ciclo Café con Ciencia. Os relatores serán profesionais destacados do eido científico e tecnolóxico e as súas intervencións terán un ton divulgativo. Segundo explicaron os organizadores do programa, “a finalidade última será explicar o impacto positivo que a investigación básica ou aplicada, en cada un dos seus ámbitos de traballo, ten na vida cotiá e no avance, en xeral, da sociedade”.
Ademais de Miguel Vidal, o acto de hoxe serviu para adiantar os dous seguintes relatores. No mes de abril participará Covadonga Astorga Lloréns, doutora en Química pola Universidade de Oviedo e, desde o 2002, investigadora da Dirección de Enerxía, Transporte e Clima do Centro Común de Investigación da Comisión Europea. En xuño, o relator será Carlos de la Cruz García, doutor en Química Analítica e Nutrición e licenciado en Farmacia pola USC.

PUBLICIDADE