Mindsait, R e Altia xuntan forzas para converter Lugo en cidade smart

mércores, 19 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto de Lugo para transformarse en cidade smart, do que comezamos a dar detalles consolidados en 2016 con motivo da confirmación do seu orzamento inicial (4,1 millóns de euros), vén de recibir un importante pulo empresarial. O motivo? A alianza formada por tres empresas punteiras do sector tecnolóxico (as galegas R e Altia, e máis Mindsait, do grupo Indra) para deseñar, como socias tecnolóxicas do Concello de Lugo, solucións avanzadas smart no marco do proxecto de transformación dixital de Red.es. O obxectivo específico, segundo fai saber a UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por R, Altia Mindsait, é “mellorar a calidade de vida da cidadanía e a eficiencia dos servizos públicos, así como impulsar a participación e a transparencia a través de novas canles de recompilación e difusión dos datos”.
A UTE tamén fornecerá á cidade galega dunha solución de arquitectura de rede que facilitará o intercambio de información entre os distintos sistemas e a integración futura dunha plataforma de obxectos conectados: Internet of Things (IoT). A maiores, as empresas equiparán ao Concello cos equipos de hardware e software precisos para acubillar todas as solucións que abrangue a iniciativa de Lugo como Cidade Intelixente.
Polo que se refire ao ámbito da Administración Electrónica, a UTE xerará unha solución que posibilitará “a xestión completa de calquera expediente ou trámite administrativo sen desprazamentos nin papeis, así como o envío de notificacións e a interoperabilidade con outras administracións públicas”. Isto, en palabras das empresas e do Concello lucense, “suporá un importante aforro de custos”. En termos máis concretos, o que se pretende é que a veciñanza estea en disposición de interactuar de maneira áxil coa administración local a través da sede electrónica, rexistrar dixitalmente as súas solicitudes ou xestionar electronicamente a tramitación de expedientes.
Outro dos puntos onde se vai poñer o foco é no tráfico e nas medidas que favorezan a circulación e o estacionamento, ao tempo que se traballa na sustentabilidade. Así, porase en xogo unha aplicación móbil que achegará aos usuarios-condutores datos en tempos real sobre as prazas de aparcamento dispoñíbeis, mostrando os itinerarios até as mesmas e minimizando o tempo que decote se emprega na súa procura, reducindo en última instancia a contaminación dos vehículos.
A UTE tamén implantará no termo municipal de Lugo unha solución de xestión intelixente de refugallos para facer realidade rutas dinámicas de recollida, así como a obtención de estimacións de incremento ou diminución dos residuos por ruta e por colectores, “en función da época do ano ou a composición demográfica da zona”.
Tamén se pretende reducir as facturas de enerxía e de auga. Para isto, habilitaranse sistemas de xestión da iluminación pública, tanto en contorna rural como urbana, e ferramentas para o seguimento dos consumos así como sensores da temperatura, humidade e CO2 en seis edificios públicos co fin deseñar un plan de optimización enerxética.
Ademais, porase en marcha un sistema de contadores intelixentes da auga, que permitirá contar cun mellor control do consumo da auga e dos patróns do dito gasto, buscando “optimizar o servizo ou coñecer o importe antes da emisión de factura, reducindo os desprazamentos dos técnicos municipais”.
A maiores, habilitarase unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais que facilite información cartográfica actualizada e xeorreferenciada dos expedientes e activos da cidade. “O obxectivo”, salienta a UTE, “é incrementar a transparencia e aforrarlles desprazamentos aos cidadáns para a súa consulta”. Esta plataforma, engaden as empresas, brinda un modelo tridimensional da cidade que permite obter medidas precisas de posicionamento mediante GPS para xerar un inventario real de información que posibilite a planificación exacta de novos espazos tecnolóxicos en mobilidade, optimización de limpeza viaria ou mellora da accesibilidade.
Por último, a UTE desenvolverá un portal de datos abertos que porá a disposición de cidadáns e empresas información sobre o Concello de Lugo para que poidan utilizala e tratala a través de aplicacións e servizos. O portal integrará unha plataforma de participación cidadá que lles permitirá aos lucenses colaborar coa Administración local mediante a comunicación de suxestións, reclamacións e incidencias, así como a realización de enquisas directas á cidadanía e a consulta do rueiro xerado desde o Sistema de Información Xeográfica (GIS) municipal.

PUBLICIDADE