Minicomputador con Linux para navegar pola Rede

martes, 13 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Estes días estase a presentar polo mundo adiante o computador Linutop, un pequeno trebello a medio camiño entre as axendas electrónicas e os ordenadores persoais e que (ante todo) semella doado de carrexar (nestes tempos de mobilidade a toda costa e por riba de todos). O caso é que o computador Linux está especialmente deseñado para estar na Rede, e pouco máis. O problema é que non semella moi barato (280 euros) para o que inclúe: procesador AMD Geode, catro portos USB 2.0, 256 MB de memoria RAM, conexión Ethernet e unha chave USB de 1 GB para amorear documentos.
Polo tanto, estaríamos perante un minicomputador encamiñado a atraer a usuarios de software libre que, ademais de selo, procuren no mercado ferramentas sinxelas e manexables. Que cada quen xulgue se 280 euros é un prezo elevado de máis ou non para esa porción de usuarios da que falamos: usuarios que xa levan anos desconfiando dunha boa parte dos pequenos aparellos informáticos que andan a rentes dese custo. Visto en Xataca.

PUBLICIDADE