Mobilizacións para denunciar que R está a deslocalizar os seus traballadores externos

martes, 16 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Tras a adquisición da empresa de telecomunicación R por parte de Euskaltel en 2015 dende a compañía reiteran constantemente que a marca mantén a súa galeguidade pese a depender de capital foráneo, pero dende os sindicatos están a ver con receos os últimos cambios da compañía, no que consideran que é un proceso de deslocalización do emprego cara a Asturias e Euskadi, que afecta principalmente ao servizo de mantemento, que na súa maioría está subcontratado en outros empresas e que poría en risco o futuro laboral de máis de medio milleiro de persoas.
Os sindicatos ven o anuncio de que a chinesa ZTE vaia facerse cargo dos servizos de mantemento da rede galega de R, que até o momento subministraban varias compañías, como un sinal de alerta, xa que desta volva o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións en Galicia, asegurando que os servizos van ser deslocalizados ao centro que ZTE vén de abrir en Asturias. Chegan incluso a asegurar que persoas de ZTE, a quen R externalizou previamente esta subcontrata, tamén estarían en risco de perder o seu emprego.
Como consecuencia máis inmediata destes cambios en R mencionan que veñen de despedir a 20 traballadores de Comfica, a quen a compañía non pensa recolocar; e esta perda de empregos tamén afectará a servizos de enxeñaría, desenvolvemento e atención telefónica, que paulatinamente Eukaltel está a levar fóra de Galicia.
Esta situación leva a que a CIG, CC.OO. e UGT convocasen unha primeira concentración este mércores ás 19:30 horas diante da sede de R na rúa Real da Coruña.
Os sindicatos piden a intervención das administracións públicas para evitar esta destrución de emprego no sector galego das telecomunicación, especialmente polo feito de que as contratacións para unha compañía que atende a público galego están a realizarse fóra da nosa comunidade.

PUBLICIDADE