Modogalegoames.gal reivindica a nosa lingua nun gran festival o 17 de abril
mércores, 8 de abril do 2026
O Pazo da Peregrina (Bertamiráns, Ames) acolleu este 7 de abril a presentación do festival Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua. Trátase dun programa de inmersión lingüística cuxa páxina web, modogalegoames.gal, funciona (dende hai catro anos) de punto de encontro activo, eixe de actividade, foco de información e fonte de recursos.
Na presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, a académica da Real Academia Galega, María López Sández, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho, a técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras, e mais os representantes das Maianas e da Gramola Gominola, Inés Suárez e Paco Cerdeira.
O festival
No dito festival actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. A festa será o venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, na explanada do Pavillón de Deportes de Bertamiráns. Todo o alumnado dos centros de ensino de Ames recibirá o seu convite para poder asistir acompañados das súas familias. A apertura de portas será ás 17.00 horas.
Balance da nova edición
O pasado 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de Modo Galego, actívao! Nesta edición participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa de actividades pechou cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego.
O Concello de Ames confirmou que “a cuarta convocatoria volveu a ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia”. Durante catro semanas, os alumnos e alumnas de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiron un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Os nenos e nenas foron os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.
Fomento do galego
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, explicou que este festival é un apoio máis ao traballo que se está facendo co programa Modo Galego: “Con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Como sempre digo, o galego non é patrimonio de ninguén en concreto, é patrimonio de todos e de todas. Agardo que este festival sexa unha actividade que vaia medrando e que perdure no tempo. O máis importante sería que nos próximos anos, cando se siga celebrando, non só participemos xente de Ames, senón que vaia medrando e expandindo a outros concellos”.
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, destacou que “este proxecto ten moitas partes importantes. O Modo Galego, actívao! encadra coa idea de levar o galego máis alá da aula, os espazos de socialización. Ir á escola é moito máis que sentar na aula e adquirir coñecementos: é socializar. Debemos crear contornas de seguridade para que os rapaces e rapazas se comuniquen en galego con comodidade. Esta festa é o xeito de manifestar de maneira colectiva o orgullo de activarmos o galego. A música é unha parte fundamental da nosa cultura e do noso lecer e, sen dúbida, o mellor xeito de pechar esta edición do programa Modo Galego, Actívao! co que estamos encantados de colaborar”.
García destacou que este programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como o 21 días co galego e +, o Falamos + e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal. A isto súmanselle grupos de conversa para a mocidade ou cursos específicos para persoas non nacidas en Galicia, sinalou.
