Moncho Núñez será recoñecido co Premio RAGC de Divulgación Científica 2021
venres, 18 de xuño do 2021
Ramón
Núñez Centella, sen dúbida un dos grandes comunicadores
científicos de Galicia e do ámbito estatal, vai ser recoñecido
pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co Premio RAGC de
Divulgación Científica 2021. A entidade quere distinguir desta
maneira a súa “ampla e frutífera traxectoria” no devandito
ámbito de traballo e en particular, o seu labor pioneiro na creación
de espazos expositivos de carácter científico na comunidade galega
e no resto de España (foi o artífice dos tres museos científicos
coruñeses, entre outros fitos históricos). O considerado promotor
da nova museoloxía científica no eido estatal, mostrouse
“emocionado e sumamente agradecido” polo recoñecemento que
considera o máis importante da súa vida profesional.
Núñez
Centella salientou tamén o valor que para el ten a RAGC, institución
que contou entre os seus fundadores con persoas que foron mestres ou
referentes na súa xuventude, como Luis Iglesias, Enrique Vidal
Abascal, Isidro Parga Pondal ou Domingo García Sabell.
Ramón
Núñez Centella (A Coruña, 1946) é divulgador científico. Fillo,
neto e bisneto de mestres. Moncho Núñez mudou a súa orientación
profesional da industria química á educación das ciencias e logo á
divulgación e mais á museoloxía.
É
licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela
(USC) e Master of Arts en Educación das Ciencias pola New York
University (NYU). Concibiu e deseñou os tres museos científicos
coruñeses de titularidade municipal –Casa das Ciencias, Domus
(Casa do Home) e Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes)–, creados e
financiados polo Concello da Coruña, desde a súa creación ata
2008.
Logo
realizou o Plan Museolóxico do Museo Nacional de Ciencia y
Tecnología de España (MUNCYT), que se inaugurou na Coruña, e
dirixiuno ata 2013. Tamén participou no deseño museolóxico doutros
centros, como o Museo de las Cièncias de Valencia e o Museo de la
Evolución Humana en Burgos. Está considerado como o impulsor da
nova museoloxía científica en España.
Director,
autor de guións, escritor e articulista
Moncho
Núñez é director e autor do guión de decenas de exposicións e
programas de planetario. Segundo explica a RAGC, alén do seu labor
en museos, “contribuíu á educación e divulgación da ciencia con
centenares de artigos en prensa, sendo colaborador habitual en
diversos medios de comunicación, como a revista Muy Interesante”.
Tamén fixo divulgación científica en programas de radio e
televisión e outros formatos. Ademais, participou en numerosas
conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación,
didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da
ciencia. É autor de libros como Nombres Comunes, Visiones
Propias, Esta es mi gente ou Un científico en la
cocina. Foi Premio Nacional de Periodismo Científico e membro,
entre outras institucións, da Asociación Española de Comunicación
Científica, da Academia de Gastronomía de Galicia, da New York
Academy of Sciences e da Royal Institution. Ten, entre outros, o
premio Mario Bohoslavsky (2000), e o premio de divulgación JM
Savirón (2009).