Mostran en Vigo os principais retos da nosa frota oceanográfica: dixitalizarse e robotizarse

luns, 27 de xaneiro do 2020 Redacción

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, con sede en Vigo e dependente da Consellería do Mar, acolleu estes días un evento investigador para avanzar na transformación da actividade oceanográfica europea, co fin de garantir a súa eficacia, a súa capacidade de resolución e o seu potencial de achegar datos certeiros, aplicábeis e concretos. No congreso fíxose saber, a xeito de resumo, que o futuro dos nosos buques pasa pola de xeito inevitábel pola fórmula da dixitalización, a automatización e a robótica avanzada. A isto cómpre engadir os combustíbeis alternativos e as novas fontes de enerxía renovábel.
Os máis de sesenta expertos participantes na xornada (procedentes da industria e de institucións académicas e de investigación), na que participou a directora xerente do CETMAR, Paloma Rueda, explicaron que nos últimos anos déronse “importantes avances en aspectos relacionados co impacto medioambiental e a xestión de grandes volumes de información”, co que “se mellorou a resposta ás directrices políticas para a conservación dos ecosistemas mariños”, pero incidiron en que os desafíos futuros requirirán dunha importante adaptación en asuntos como a formación e o emprego.
O evento veu da man do CETMAR e o European Marine Board (EMB) e abeirouse á publicación do documento A próxima xeración dos buques europeos de investigación: estado actual e evolución previsible, froito dunha colaboración entre EMB e a asociación de operadores europeos de buques de investigación (ERVO).
A xornada, que se puido seguir vía Twitter, contou coa presenza de investigadoras como Sheila Heymans (directora executiva de EMB), Lucía Fraga (da Fundación CETMAR, que presentou as tendencias e as futuras necesidades de competencias para profesionais da industria naval) ou José Ignacio Díaz (responsábel do Equipamento Científico e Infraestruturas do Instituto Español de Oceanografía, quen falou das barreiras e oportunidades para frota española de buques oceanográficos).

PUBLICIDADE