Movistar anuncia melloras na súa oferta de extras de datos

martes, 17 de xuño do 2014 Redacción

Movistar vén de anunciar unha mellora na súa oferta de extras de datos móbiles. Esta optimización canalízase a través do lanzamento dun novo catálogo que ofrece brinda aos clientes “opcións un 17% máis baratas cás actuais e con máis xigabytes de capacidade”. As vantaxes en cuestión están dispoñibles a partir do 18 de xuño para clientes de móbil e de Fusión de Movistar, que poderán contratar os módulos Extra 500 MB (seis euros ao mes), Extra 1 GB (con novo prezo de 10 euros ao mes), Extra 3GB (por 20 euros ao mes) e Extra 5 GB (por 30 euros ao mes).
Segundo explican fontes de Movistar, o novo Extra 3 GB substitúe ao actual de 2 GB, polo que os clientes que o teñan contratado serán migrados a este e a partir de agora terán 1 xigabyte máis por 4,2 euros menos ao mes. Así mesmo, o novo Extra de 5 GB substitúe ao de 3 GB, o que supón para os usuarios que o teñan contratado 2 xigabyte máis de capacidade por 6,3 euros menos. Aqueles que teñen o Extra 1GB, manterán a capacidade pero pagarán 2,10 euros menos.