Movistar atendeu 100 mil chamadas en Galicia a través do seu servizo de atención prioritaria para maiores

martes, 29 de decembro do 2020 Redacción

Movistar fixo balance do acadado a través do seu servizo de atención prioritaria para maiores ao longo desta pandemia, unha ferramenta que, segundo apunta a operadora, foi de especial utilidade para responder ás principais necesidades deste colectivo e facilitarlles os trámites que se realizan a través dos teléfonos de información e avarías. Movistar sinala no seu reconto que o servizo recibiu máis de 100 mil chamadas en Galicia dende abril.
En total, atendeu a 42.274 da provincia da Coruña, 34.874 de Pontevedra, 12.199 de Ourense e 11.827 de Lugo. Tiveron especial importancia as consultadas ligadas ás incidencias de voz, TV e conectividade, ás que se sumaron (nas últimas semanas) as de instalación e xestión de alarmas
A operadora lembra que o servizo conta cun revolucionario sistema de recoñecemento de voz que axuda a diferenciar por idade e detecta se a persoa que está alén do auricular é unha persoa maior de 65 anos, permitindo que poida ser atendida de forma urxente e prioritaria, con independencia do motivo da súa chamada ou das solucións que teñan contratadas.
Inclúe prestacións como Quedo coa túa xestión ou Experto tecnolóxico, onde se lles ofrece aos usuarios axuda para configurar o Wi-Fi, o computador, o smartphone ou a smart TV.
A compañía reforzou o servizo en Nadal, destinando un maior número de axentes e recursos mobilizados, tendo en conta a realidade concreta que deu lugar á activación deste servizo durante o confinamento: “Para as persoas maiores, especialmente as que viven soas, a comunicación é un ben esencial e prescindir destes servizos pode empuxar aos maiores a un dobre illamento”.
No conxunto de España, atendéronse xa 2,5 millóns de chamadas, o que representa un 11% do tráfico do 1004.

PUBLICIDADE