Movistar ofrece 12 meses de Perplexity Pro sen custo adicional

xoves, 23 de xaneiro do 2025 Redacción

O uso de grandes modelos de linguaxe a xeito de motores de busca é algo cada día máis común, sendo Perplexity unha das compañías pioneiras neste ámbito, promovendo tal uso da IA bastantes meses antes que ChatGPT, e dende Movistar queren que os seus clientes poidan tirar proveito desta tecnoloxía, polo que anuncian que lles ofrecerán 12 meses da súa versión de pagamento, Perplexity Pro, sen custo adicional, para que poidan resolver as súas consultas de forma clara e directa empregando linguaxe natural e podendo dialogar co motor de respostas.
Outra das facilidades que ofrece Perplexity é a de cargar arquivos e imaxes para a súa análise coa opción de facer preguntas sobre o contido, así como resumilo. O motor de respostas tamén recupera información en tempo real da Internet, polo que se pode utilizar para buscar calquera tema de actualidade ou información de última hora.
Dende hoxe miMovistar inclúe o acceso sen custo a Perplexity Pro durante 12 meses, unha versión que funciona utilizando os modelos de IA máis avanzados do mundo (GPT-4o, OpenAI o1, Grok-2 e Claude 3.5). A activación pode realizarse a través da área persoal da páxina web de Movistar ou da aplicación móbil miMovistar.
A activación deste servizo prodúcese despois de que Wayra, o corporate venture capital de Telefónica, anunciase o pasado mes de outubro que invertía en Perplexity, uníndose a outros recoñecidos investidores como nVIDIA, Databricks, Jeff Bezos, Stanley Druckenmiller, Bessemer Venture Partners, NEA e IVP, entre outros.
Así mesmo, Telefónica anunciou tamén que ofrece a primeira experiencia de Perplexity a través da televisión a nivel mundial, unha app aloxada dentro do catálogo de Movistar Plus+ que permite aos clientes que contan cun decodificador UHD interactuar de forma sinxela con Perplexity, realizando preguntas a través do mando a distancia (premendo o botón de Aura).