Movistar por fin permite empregar eSIM nos novos iPhone

mércores, 12 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que hai un mes demos por feito que Movistar xa completara o soporte de eSIM para os novos iPhone, semella que a implantación non estaba ao 100%, e agora por fin comunican sobre o tema, e na páxina wb da compañía por fin hai un apartado na que explican en que consiste e como funcionan as eSIM que polo momento só son compatibles cos iPhone Xs, Xs Max e Xr.
Movistar lembra que a eSIM tanto podo empregarse para substituír a unha tarxeta SIM física como asociada ao servizo MultiSIM e, de feito, aseguran que están a traballar para incrementar o número de dispositivos compatibles coa eSIM (de xeito que polo momento só garanten o funcionamento destas tarxetas virtuais nos novos iPhone).
Entendemos que en breve tamén incluirán a posibilidade de empregar as eSIM cos Apple Watch compatibles, pois operadores como Orange están a insistir fortemente na súa posición líder no uso de tarxetas eSIM nos smartwatches (comercializando tanto o Samsung Galaxy Watch 4G como a versión celular do Apple Watch Series 4).
No caso de Orange, o uso da eSIM nos reloxos enténdese como unha posibilidade asociada ao servizo de MultiSIM, que ten unha cota de alta de 5 euros e que custa 0 ou 4 euros/mes en función da tarifa contratada. O operador tamén insiste en que ten dispoñible o soporte para eSIM nos novos iPhone, permitindo substituír unha tarxeta SIM física por unha eSIM dende as tendas Orange, operación que ten un custo de 5 euros.