Mundos Dixitais 2012 abre o prazo para presentación de curtametraxes

luns, 13 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Dende a web da Asociación Galega de Produtoras Independentes comunícannos que xa está aberto o prazo para presentarmos curtametraxes de animación na nova edición de Mundos Dixitais, sen dúbida un dos certames audiovisuais galegas de maior influencia internacional e que meirande atención empresta ao papel das novas tecnoloxías ao longo de tódolos procesos que require un filme: recadación de apoios, creación, distribución, promoción, etc. O prazo para a achega de curtas fica aberto ata o 25 de maio. Deberán ser obras realizadas logo do 1 de xaneiro de 2011. A edición 2012, como recordaremos, celebrarase en verán, do 4 ao 7 de xullo na Coruña.
Por certo que este ano, segundo se avanza na web de Mundos Dixitais, o eixe temático do terror e a fantasía será un dos piares principais sobre os que se apoie unha boa parte do programa de actividades.
Lembrar que nas anteriores convocatorias do festival, achegáronse á cidade galega algúns dos representantes principais do sector máis vinculado á innovación creativa, como por exemplo Alvy Ray Smith, cofundador de Pixar, a casa responsable de grandes éxitos como Toy Story ou Wall-E e en boa medida culpable de que as ferramentas de creación dixital teñan obtido a carta de madurez creativa. Smith recibiu o ano pasado, sen ir máis lonxe, un premio especial de mans da organización do evento, polo seu importante labor na creación de novos mundos e linguaxes.