Mundos Dixitais acollerá a presentación dunha curta en catro dimensións sobre o Camiño

luns, 5 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Se hai uns días anunciamos dende esta web a inminente apertura de Mundos Dixitais na Coruña (a partir deste mércores 7 de xullo na Fundación Caixa Galicia), agora toca falar dunha das representacións galegas no dito encontro, concretamente de Galiciadixital, mostra fixa e itinerante que tenta tirar partido do pulo dos nosos creadores para plasmar virtualmente a nosa terra. Pois ben, segundo conta a Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital participará no encontro coruñés cunha curtametraxe en catro dimensións, chamada Meta do Camiño. A peza a proxectar consiste nunha innovadora aposta por ir alén do innovador. É dicir, mentres a tecnoloxía 3D se afianza de a pouco, Meta do Camiño asume o vieiro das catro dimensións.
Máis polo miúdo, apóiase no emprego do 3D acompañado por efectos especiais de vento, amora e fume, a través da historia dun peregrino que acompaña e lle amosa ao visitante (o espectador) os lugares máis salientables da catedral de Santiago. Todo isto, sinala a Secretaría Xeral, co engadido de que “estes sitios non son accesibles de xeito doado para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados o botafumeiro, que con esta curta pódese alcanzar coas propias mans”.