Na Rede e en galego unha guía para garantir navegacións seguras co-elaborada polo grupo Stellae da USC
martes, 21 de abril do 2026
Os equipos de investigación Stellae, Crie e Edullab veñen de publicar a guía Entre a oportunidade e a prohibición: riscos e malos usos da tecnoloxía na adolescencia, un recurso educativo dirixido ao alumnado de Educación Secundaria que busca promover un uso responsable, crítico e seguro das tecnoloxías dixitais.
A publicación, que xa podemos descargar de balde dende a Rede, forma parte do proxecto de investigación Os materiais didácticos dixitais na Educación Secundaria Obrigatoria. Análise e propostas para o seu uso escolar e sociofamiliar (Secundari@ Dixit@l, PID2022-137366OB-I00. IPs: Jesús Rodríguez Rodríguez e Diana Marín Suelves), no que participan grupos da Universidade de Santiago de Compostela, a Universitat de València e a Universidade de La Laguna.
A guía está editada inicialmente en galego, valenciano e castelán e, está prevista a súa publicación en inglés e portugués, co obxectivo de ampliar o seu alcance e impacto educativo a nivel internacional, explican os ditos equipos de investigación, que engaden que “a obra aborda de maneira clara os principais riscos asociados ao uso das tecnoloxías na adolescencia, combinando explicacións con situacións reais representadas en formato visual”.
Entre os temas tratados destacan o ciberacoso, a sobreexposición nas redes sociais, o acceso a contidos inapropiados, o uso da intelixencia artificial ou os riscos asociados aos videoxogos e ás compras en liña.
Segundo se recolle na guía, o seu propósito é “axudar á mocidade a tomar decisións máis conscientes no uso da tecnoloxía”, ofrecendo tamén recomendacións prácticas tanto para o ámbito persoal como educativo.
O documento estrutúrase en varios bloques que inclúen: situacións cotiás no ámbito persoal e escolar, recomendacións para adolescentes, recursos complementarios e información adicional e máis unha enquisa de autoavaliación sobre hábitos dixitais
Un enfoque educativo baseado na concienciación
No canto de propor a prohibición do uso tecnolóxico, a guía aposta por “un enfoque equilibrado que combina oportunidades e riscos, promovendo o pensamento crítico e o benestar dixital”. Tal e como se destaca no documento, “o uso responsable da tecnoloxía é unha responsabilidade compartida entre adolescentes, familias, centros educativos e institucións”.
Deste xeito, a publicación pretende contribuír á transferencia do coñecemento científico á sociedade, facilitando ferramentas útiles para a educación dixital nun contexto no que a tecnoloxía forma parte esencial da vida cotiá da mocidade.
A publicación pode descargarse xa en galego e tamén en castelán.
