Nace Exeria, unha ferramenta para empregar o galego de xeito non sexista

martes, 20 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

A Vicepresidencia do Goberno da Xunta de Galicia maila Consellaría de Innovación e Industria, veñen de pór a disposición das/os galegas/os unha nova ferramenta informática que permite facer uso dunha linguaxe non sexista na edición dos nosos textos.
A aplicación, coñecida como Exeria, está desenvolvida en código aberto e intégrase no paquete ofimático OpenOffice.org. Como dixemos, a súa principal función é a de facilitarnos uso dunha linguaxe non sexista, a través dunha axuda interactiva que reflicte un tratamento igualitario da linguaxe e que favorece, deste xeito, o cumprimento dos obxectivos do V Plan do Goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes 2007-2010.
Asemade, Exeria compleméntase cun buscador de equivalencias e solucións na Rede e facilita a construción dun discurso máis inclusivo, ofrecendo alternativas e solucións para aqueles termos que poden, nalgúns contextos, implicar un uso discriminatorio no que atinxe á linguaxe.
Con esta aplicación informática, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Promoción Industrial da Sociedade da Información (organismos directamente responsables da ferramenta) aumentan a oferta de material en soporte informático e garanten o acceso ás tecnoloxías da información e das comunicacións á sociedade galega en xeral e, en especial, aos e ás profesionais da Igualdade e ao persoal da Administración galega.
A encargada de presentar esta nova aplicación perante os medios de comunicación foi a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, quen explicou que Exeria é unha aplicación que facilita a revisión lingüística de textos e ofrece alternativas para un uso non sexista da linguaxe, detectando unha serie de termos susceptibles dun uso sexista para propoñer diferentes suxestións e alternativas. O obxectivo principal é “orientar na revisión da documentación para xerar discursos en que a linguaxe teña un carácter inclusivo”.
A nova aplicación informática está xa dispoñible no enderezo electrónico http://www.exeria.net, desde onde pode ser descargada por todas as persoas interesadas.

PUBLICIDADE