Nace Noso Capital para apoiar a transformación tecnolóxica e a innovación das nosas PEME

xoves, 4 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 303 KB
Daniel Prieto, Vicente Espert, Antonio Couceiro e Tomás Pérez

Esta semana presentouse en Santiago un novo instrumento para impulsar a innovación empresarial, o emprendemento e a transformación tecnolóxica. Estamos a falar de Noso Capital, a primeira sociedade xestora de entidades de investimento colectivo constituída con capital privado galego (autorizada para a dita actividade pola Comisión Nacional de Mercado de Valores). O obxectivo básico de Noso Capital, segundo se fixo saber, é ofrecer ás PEME da nosa terra unha alternativa de financiamento e apoio á xestión que lles permita coller impulso e madurar.
A entidade foi presentada onte aos medios de comunicación de Galicia, nun acto celebrado en Santiago de Compostela e no que participaron varios directivos da entidade: Tomás Pérez Moreno, conselleiro delegado; Antonio Couceiro, conselleiro da área de Estratexia; Daniel Prieto, conselleiro da área de Novas Tecnoloxías, e Vicente Espert, conselleiro da área Económico-Financeira.
Segundo explicou Pérez Moreno, “a iniciativa xorde da análise da contorna e da constatación de que tradicionalmente o capital-risco non prestou atención de abondo ás empresas de pequeno tamaño”. Isto, engadiu, unido á progresiva concentración do sector financeiro, fai “que as pequenas e medianas empresas teñan poucas alternativas á hora de atopar recursos eficientes para financiar os seus plans de crecemento”.
Noso Capital porá o foco en firmas cunha facturación de entre 5 e 50 millóns de euros anuais, e un EBITDA entre 0,5 e 2 millóns. Con tal obxectivo, elaborará prospeccións en sectores como o industrial, o agroindustrial, a forestal-madeira, os produtos do mar ou as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Ás súas participadas, Noso Capital brindaralles non só soporte financeiro, senón tamén, e sobre todo, “un apoio profesional cualificado á xestión”, con vistas a acelerar o seu camiño cara á consolidación e o medre, tanto a nivel galego como estatal e internacional. Outro dos grandes retos fundamentais é axudar ás PEME a acometer retos de tanta relevancia como afrontar a dixitalización e adaptarse aos novos modelos da Industria 4.0.
A entidade prevé alcanzar investimentos por valor de 20 millóns de euros no vindeiros tres anos, aínda que as súas perspectivas de traballo son a longo prazo.

PUBLICIDADE