Nas autonómicas poderemos exercer o voto por correo dende o fogar solicitándoo telematicamente

xoves, 28 de maio do 2020 Redacción

A Xunta Electoral Central vén de comunicar á Xunta as medidas a adoptar na tramitación do voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 12 de xullo. O acordo recolle varias das demandas incluídas no protocolo do Goberno galego de medidas preventivas fronte o coronavirus deseñado para a xornada electoral, no que se insta a fomentar o voto por correo.
En canto á solicitude do voto por correo, a Xunta propón ás administracións competentes que se poida realizar por vía telemática mediante un sistema de acreditación que garanta a identidade do solicitante. A Xunta Electoral Central aceptou esta proposta aclarando que a petición de forma telemática se realizará a través da páxina web de Correos mediante firma electrónica.
Tamén se aceptou a proposta da Xunta respecto á posibilidade de establecer protocolos para facilitar o emprego deste sistema de votación mediante o desprazamento dos empregados públicos de Correos. Nesta liña, o acordo da Xunta Electoral central, recolle que no mesmo momento en que o persoal de Correos entrega a documentación electoral no domicilio do elector este, unha vez comprobada a súa identidade e recibidos os sobres electorais, ten a posibilidade de devolvelos xa cumprimentados. Nese caso, recibirá un xustificante que acredite que xa exerceu o seu dereito a voto.
A Xunta Electoral Central aclara que se trata dunha posibilidade opcional e extraordinaria de emisión de voto, sen prexuízo do dereito dos electores tanto a solicitar o voto nas oficinas de Correos de forma presencial como a non ter que entregar o voto no momento que se recibe a documentación, podendo facelo noutro momento dentro dos prazos establecidos nunha oficina de Correos.
Dáse así cumprimento ás demandas da Xunta para que a Xunta Electoral Central e o Ministerio do Interior adopten medidas que favorezan que os cidadáns poidan exercer o seu dereito de sufraxio activo sen acudir ao local electoral o día da votación.
O Goberno galego tamén propón no seu protocolo ampliar o prazo do voto por correo ata dous días antes das eleccións.

PUBLICIDADE