Naturgy instala na súa rede sistemas de vixilancia capaces de previr incendios forestais
venres, 23 de xuño do 2023
UFD,
a distribuidora eléctrica do grupo de orixe galega Naturgy, comezou a
despregar en España a súa solución Fire Detection para
anticipar a detección de incendios e preservar do lume grandes masas
forestais. Farao mediante un sistema que aplica a Intelixencia
artificial a través da análise de imaxes e datos tomados por
cámaras instaladas en torres e tendidos eléctricos.
UFD
habilitará nunha primeira fase 20 dispositivos que cubrirán unha
área de aproximadamente 430 km² na Reserva da Biosfera
Transfronteriza Gerês-Xurés, na provincia de Ourense
(Galicia), un espazo natural de alto valor ecolóxico. O grupo
estenderá nunha segunda fase a instalación destes dispositivos a
outras áreas xeográficas.
A
operadora eléctrica explica, máis en detalle, que Fire Detection
é “un sistema baseado na plataforma Onesait Phygital Edge de
Minsait con capacidade para detectar de xeito anticipado e con total
fiabilidade posíbeis incendios en grandes extensións de vexetación,
mesmo en zonas de difícil acceso, grazas a unha vixilancia 360.º.
A
través de algoritmos de Intelixencia Artificial, esta ferramenta
analiza e extrae en tempo real información das imaxes obtidas nas
cámaras situadas nas torres de alto e media tensión e identifica
indicios de lume e fume nun alcance de dous quilómetros. Unha vez
que detecta estes sinais, o sistema transmite alertas a un centro de
control para activar os protocolos de avisos aos servizos de
emerxencia e extinción. Ademais, o sistema incorpora sensores IoT
(Internet of Things) que axudan a reducir o que UFD cualifica
de “falsos positivos”, e tamén contribúen a optimizar os
recursos enerxéticos almacenados. Estes sensores miden a
temperatura, humidade e presión atmosférica para evitar tomar
imaxes en condicións meteorolóxicas incompatíbeis co risco de
incendios e potenciar a súa captura cando existe unha alta
probabilidade de que se produza o lume.
Fire
Detection tamén permite albergar algoritmos para facer
monitoraxe do estado das propias torres eléctricas, avaliar o
comportamento das infraestruturas en condicións meteorolóxicas
extremas ou detectar incursións en zonas restrinxidas por
seguridade.
O
sistema foi premiado nos enerTIC Awards 2021 polo seu carácter
innovador na procura de solucións para a protección do medio
ambiente a través da dixitalización e a eficiencia enerxética.