Neil Young pretende comercializar música en alta resolución mediante streaming

martes, 13 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Tras defraudar a 18.220 mecenas coa campaña de micromecenado para financiar o reprodutor musical de alta resolución PonoPlayer (que pechou a súa tenda musical o pasado verán, de xeito que converteuse nun dispositivo sen música que reproducir para tirar proveito das súas máis que dubidosas prestacións), Neil Young volve á carga e declara á revista Rolling Stone que a súa compañía vai pivotar e en vez de dedicarse a vender reprodutores musicais con forma de barra de Toblerone e música descargable, contará cun servizo de música en streaming para así achegarse aos teléfonos, para o que están a traballar cunha compañía de Singapur para contar cun método que «manteña o noso nivel de calidade cando pasemos ao streaming», omitindo que nin sequera os iPhone contan con procesadores de son que poidan xestionar música a unha calidade superior á dun CD.
Sorprende ver como o artista continúa a tentar vender as supostas bondades dunhas calidades sonoras que non pode percibir o ouvido humano (especialmente dende un dispositivo portátil cuns auriculares que distan moito dunhas condicións óptimas de reprodución), e resultaría máis abraiante se o público volvese confiar no responsable dunha compañía que deixou tirados aos consumidores en pouco máis de ano e medio.
Por outra banda, Sony tamén está no negocio da música de alta resolución, cun reprodutor da liña Walkman que ten un prezo de 1.200 euros, aínda que a comercialización de música nese tipo de formatos é ínfima, no que parece un simple elemento de marketing para vender contidos a un sobreprezo inxustificable dende o punto de vista do usuario.