New Space España reunirá en Vigo ao puxante sector espacial nacional
mércores, 27 de maio do 2026
New Space España volverá converter Vigo en punto de encontro do sector espacial nacional. Alén Space, empresa local organizadora do evento, presentou este mércores 27 de maio na Sede Afundación Vigo a cuarta edición do congreso, que se celebrará os días 24 e 25 de setembro e reunirá a empresas, institucións, centros tecnolóxicos, universidades, startups e profesionais vinculados ao ecosistema espacial.
A presentación contou coa participación de Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Margarita Ardao, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia; Miguel Ángel Molina, director xeral adxunto de Sistemas Espaciais de GMV; e Fernando Aguado, catedrático e director do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial da Universidade de Vigo.
Baixo a lema Autonomía estratéxica desde o espazo, New Space España 2026 abordará o papel do sector espacial nun contexto marcado pola necesidade de reforzar capacidades propias en Europa e España, segundo explicaron na presentación, engadindo que “o programa prestará atención a ámbitos como as comunicacións satelitais, a observación da Terra, a navegación, a sustentabilidade, a seguridade, a transferencia tecnolóxica e o desenvolvemento de novas oportunidades industriais”.
“New Space España é xa unha cita consolidada para o sector espacial en España, e nesta cuarta edición queremos pór o foco nunha cuestión clave para o futuro inmediato, como o espazo contribúe á autonomía estratéxica, pero tamén á innovación, á competitividade e á mellora de servizos esenciais para a cidadanía”, subliñou Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) de Alén Space.
Engadiu que a nova edición de New Space España celebrarase “nun momento de forte crecemento da economía espacial”. De feito, apuntou, segundo The Space Report 2025 Q2, a economía espacial global acadou en 2024 os 613.000 millóns de dólares, cun crecemento interanual do 7,8 %. En España, a última edición do Anuario do Sector Espacial de TEDAE recolle que a industria espacial española alcanzou en 2024 unha facturación de 1.293 millóns de euros, un 16,5 % máis que o ano anterior, con 7.636 empregos directos, un investimento de 205 millóns de euros en I+D+i e unhas exportacións que representan o 83 % da facturación consolidada.
Para Miguel Ángel Molina, director xeneral adxunto de Sistemas Espaciais de GMV, “estamos ante un momento doce e decisivo para o sector espacial. O medre da economía espacial, a aceleración tecnolóxica e o contexto internacional están a reforzar o papel do espazo como ámbito estratéxico para a industria, a ciencia, a seguridade e a competitividade dos países”.
Entre as novidades de New Space España 2026 destaca a Convocatoria de Posters, unha iniciativa que permitirá a universidades, centros tecnolóxicos, grupos de investigación, novas firmas innovadoras, empresas e profesionais presentar proxectos, investigacións e desenvolvementos tecnolóxicos vinculados ao sector espacial. Os traballos seleccionados exporanse durante o congreso nas zonas de networking, favorecendo o contacto directo con empresas, institucións e profesionais do sector.
O delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, puxo en valor “o ecosistema creado na zona de Vigo, un referente en España e Europa” e este congreso “que non só é o encontro do sector espacial en España, senón que é unha mostra do músculo de Galicia neste ámbito como polo de creación e de atracción de talento e empresas a Galicia”.
Un aspecto que tamén resaltou a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, quen sinalou que “Vigo e Galicia contan con capacidades industriais e tecnolóxicas para seguir gañando peso na cadea de valor de sector estratéxico como o espacial. New Space España é unha peza fundamental que contribúe a visibilizar ese potencial e a xerar novas oportunidades de colaboración entre empresas e institucións”.
New Space España está organizado por Alén Space, empresa especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites. En 2026 conta co respaldo de compañías como GMV, Acorde, Airbus, Arkadia Space, atlanTTic-UVigo, DHV Technology, Gradiant, Kreios Space, Occam Space, Rohde & Schwarz, Satlantis e UARX Space, ademais do apoio de institucións públicas como a Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo.
A terceira edición de New Space España reuniu en Vigo a 120 empresas e preto de 300 profesionais, consolidando o evento como unha das citas de referencia para analizar o presente e o futuro do sector espacial en España. Con esta cuarta edición, o congreso reforza o seu papel como espazo de diálogo entre industria, administración, universidade, centros tecnolóxicos e novos actores do chamado New Space.
