Nieves Brisaboa falou do impacto da IA no curso de verán da UDC en Carballo

mércores, 17 de xullo do 2024 S. P.

A investigadora do CITIC da UDC, Nieves R. Brisaboa, foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural do XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, na que especialistas en tecnoloxías avanzadas, comunicación e cultura analizarán o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación.
O impacto das novas tecnoloxías e a Intelixencia Artificial (IA) na nosa sociedade foi o título da conferencia de Nieves Brisaboa, no inicio deste curso que busca analizar e deseñar estratexias e accións para pór en valor e incrementar o uso e a visibilidade do galego nas redes sociais; detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega e valorizar o idioma e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos nados das redes sociais.
O curso, como sinalamos dende Código Cero con motivo da súa inauguración, é unha actividade formativa á que asisten unhas 40 persoas e que cita estes días na localidade bergantiñá a relevantes especialistas que analizarán o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación.
As sesións contan con relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros para avaliar experiencias e propor medidas e accións de intervención en actividades para implicaren ás distintas entidades e persoas.
Así, o programa de relatorios inclúe, ademais da charla de Nieves Brisaboa, a sesión TikTok galego e as creadoras galegas, a cargo de Sara Seco, licenciada en Xornalismo pola USC, ou un achegamento ao papel da divulgación en galego nos diferentes eidos e soportes, a cargo da presentadora do espazo da TVG DígochoEu, Esther Estévez.