Nikon presenta unha nova cámara compacta con Android 4.2.2

xoves, 10 de abril do 2014 Marcus Fernández

Os fabricantes de cámaras dixitais non parecen querer deixar que Samsung sexa a única que destaque por integrar Android nos seus produtos, e a Nikon Corporation anuncia a nova S810c, unha cámara compacta da serie COOLPIX S, que funciona con Android 4.2.2, integra Wi-Fi e combina distintas funcións avanzadas coa súa facilidade de uso.
A Nikon COOLPIX S810c é unha cámara que busca facilitar o disparo de fotografías, a súa visualización e o seu uso para conectar cos demais. Está equipada cun sensor retroiluminado CMOS de 16 Mpíxeles, zoom óptico de 12x con lente NIKKOR, pantalla LCD táctil de 3,7 polgadas, Wi-Fi N, GPS e micro USB, que opera con Android 4.2.2, para o que está dotada cun procesador Cortex-A9, 1 Gb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno. A súa batería de alta capacidade (1.850 mAh) permítelle disparar ata 270 fotografías cunha carga ou gravar ata 70 minutos de vídeo. Esta nova cámara dixital compacta mide 113 x 63,5 x 27,5 milímetros e pesa 216 gramos (incluíndo batería e tarxeta de memoria).
Ao funcionar con Android non só permite un manexo sinxelo a través da súa pantalla táctil, senón que tamén goza de numerosas funcións de retoque de imaxe, permite engadir comentarios ás imaxes (mediante teclado en pantalla ou recoñecemento de voz), permite visualizar as nosos fotografías agrupadas en cronoloxías e vén coa aplicación Nikon Image Space pre-instalada (recibindo os usuarios da cámara 20 Gb de espazo no correspondente servizo de almacenamento na nube).
Espérase que chegue ás tendas o mes que vén a un prezo de 350 dólares.

PUBLICIDADE