Nokia estrea un smartphone Lumia con pantalla de 4,7 polgadas

martes, 23 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá Nokia presentou un novo membro da súa familia de móbiles con Windows Phone 8, o Lumia 625, que busca facerse un oco do mercado achegando a un prezo axustado un dispositivo atractivo, con grande pantalla e con conectividade 4G.
O Nokia Lumia 625 chegará ao mercado durante o terceiro trimestre do ano (fálase de primeiros de setembro) a un prezo libre de 220 euros, o que resulta bastante atractivo para un móbil con pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, cunha luminosidade suficiente para que poida verse baixo a luz do sol e con tecnoloxía táctil super-sensible que facilita que poida empregarse coas unllas ou coas luvas postas. O terminal funciona cun procesador Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas SD de ata 64 Gb, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, USB 2.0, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, A-GPS, 4G, batería de 2.000 mAh, un grosor de 9,15 milímetros e un peso de 159 gramos.

O Nokia Lumia 625 estará dispoñible en varias cores

Temos así un dispositivo ideal para quen desexe conectarse a boa velocidade á Rede dende o móbil, gozar dunha ampla pantalla sen ter que optar por un terminal de alta gama (de feito, a pantalla deste móbil é a maior da familia Lumia, que tiña o teito posto nas 4,5 polgadas) e poder empregar as aplicacións de Nokia para Windows Phone 8 como os servizos de mapas e navegación, Nokia Música, as lentes para a cámara e numerosas aplicacións exclusivas que fortalecen a posición líder de Nokia no sistema operativo móbil de Microsoft.
O novo smartphone de Nokia estará dispoñible en laranxa, amarelo, verde brillante, branco e negro.


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 625

PUBLICIDADE