Nova edición do curso superior en protección de datos organizado pola AMTEGA

martes, 23 de setembro do 2025 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) será mañá o escenario da inauguración da cuarta edición do curso superior en protección de datos, unha iniciativa organizada pola AMTEGA en colaboración co Nodo CIBER.gal.
O acto inaugural, previsto para as 16:30 horas, contará coa presenza da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; do director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, e do xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director do curso, Gustavo Herva Iglesias.
Tras a apertura oficial, Elena Davara e Laura Davara ofrecerán unha clase maxistral centrada nas claves para o cumprimento da normativa de protección de datos e o seu impacto nas redes sociais.
Este curso, que alcanza xa a súa cuarta edición e suma un total de 118 horas de formación, busca profundar no coñecemento da protección de datos desde unha óptica tanto técnico-xurídica como práctica.
A proposta formativa, que combina sesións presenciais, de telepresenza e teleformación, persegue como obxectivo principal sensibilizar o alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais. Ademais, pretende fomentar a aplicación de boas prácticas, garantir o respecto aos dereitos das persoas no tratamento da súa información e dotar aos participantes das ferramentas necesarias para xestionar con solvencia as posibles incidencias que poidan xurdir durante o proceso.