Novas impresoras HP con opción de aforro de tinta
luns, 7 de maio do 2007
As empresas tecnolóxicas non teñen parada. Dende que as autoridades e diversos grupos ecoloxistas advertiron da importancia que ten o aforro enerxético para o futuro do noso planeta, non deixan de saír ó mercado novos dispositivos que axudan (ou iso din os seus fabricantes) a preservar a capa de ozono ou a manter limpos os océanos. É por iso que, a día de hoxe, os produtos estrela nas tendas de tecnoloxía son os que (amais de ser da mellor calidade posible) permiten aforrar enerxía ou non contaminan o medio ambiente, no canto dos que unicamente son os máis rápidos ou os máis potentes, dispositivos que antano (até non hai moito) seducían ós consumidores.
HP, colaborando en prol desta causa (e seguramente para non perder tallada no competente mercado), vén de presentar os seus últimos equipos multifunción, que incorporan unha serie de características que permiten ás empresas incrementar a súa produtividade e reducir os custos operativos grazas ás súas propiedades distintivas, entre as que destaca a opción modo de uso que permite aforrar até un 30 por cento nas impresións a cor.
A nova Serie CM8000MFP, amais de imprimir, copiar e enviar faxes, a través do seu potente escáner en cor con capacidade para 100 páxinas, deixa marxe ós usuarios para dixitalizar documentos e envialos a un grupo de enderezos de correo, a unha cartafol de rede, a unha base de datos, a Lan Fax e a Internet Fax.
Ademais, estes dispositivos de HP incorporan unha pantalla táctil a cor de 10 polgadas e un Auto Navegador que guía ós usuarios na resolución de incidencias para aumentar a dispoñibilidade do equipo.
Estes dispositivos tamén incorporan a tecnoloxía HP Edgeline, que incrementa a velocidade de impresión “sen perder precisión nin exactitude” e para abastecer a este sistema, a empresa tivo que formular e deseñar unha tinta pigmentada especial, HP Vivera que, segundo afirman, “fornece ó usuario dunha calidade insuperable nos traballos de impresión”.
Os CM8000MFP ofrecen a integración e xestión total en rede con HP Web Jetadmin e HP JetDirect, e (o que nós consideramos máis importante), os custes máis baixos de adquisición e mantemento comparables cun equipo multifunción departamental branco e negro.