Novo estabilizador de vídeo de DJI

xoves, 29 de xaneiro do 2026 Redacción

DJI vén de anunciar o lanzamento do RS 5, un estabilizador comercial completamente novo e máis lixeiro, deseñado para ofrecer aos videógrafos maiores cotas de flexibilidade, control e creatividade. A nova incorporación á serie Ronin aposta de maneira clara pola estabilidade, a eficiencia no traballo e a gravación en solitario, incorporando un módulo de seguimento intelixente mellorado e unha autonomía ampliada.
Un dos elementos máis destacados do DJI RS 5 é a evolución do módulo de seguimento intelixente RS, presentado inicialmente co RS 4 Mini. Esta nova versión permite encadrar o vídeo en directo e realizar o seguimento de obxectivos directamente desde a pantalla táctil do estabilizador. Ademais de persoas, o sistema é quen de seguir vehículos, mascotas ou obxectos diversos, mantendo o enfoque bloqueado sobre un suxeito humano ata a unha distancia de 10 metros, mesmo en contornas concorridas. No caso de que o obxectivo saia do encadre, o módulo é capaz de recuperalo automaticamente.
A instalación do módulo realízase de maneira magnética, sen adaptadores nin accesorios adicionais, o que facilita un uso rápido e accesible para videógrafos de calquera nivel. Isto permite executar con facilidade movementos de cámara complexos, como tomas envolventes, seguimento inverso ou seguimento fixo cunha soa persoa operando o equipo.
O RS 5 incorpora tamén a quinta xeración do algoritmo de estabilización RS, que incrementa o par máximo do motor nun 50 %. Esta mellora tradúcese nunha maior estabilidade en escenas de movemento rápido, como gravacións en marcha ou carreira, cambios bruscos de ángulo ou movementos extremos da cámara. A estabilidade en gravación vertical tamén experimenta un avance significativo.
O novo estabilizador pesa 1,46 quilogramos coa empuñadura de batería e as placas de liberación rápida incluídas, e pode soportar equipos de ata 3 quilogramos. Isto permítelle traballar cunha ampla variedade de cámaras sen espello e combinacións de obxectivos habituais, ademais de facilitar o cambio a formato vertical sen accesorios adicionais.
DJI introduce a empuñadura maleta electrónica, que permite capturar ángulos desde posicións elevadas ou a ras de chan, mantendo o control electrónico da gravación. O deseño ergonómico e os controis accesibles posibilitan o manexo cunha soa man e reducen a fatiga en sesións prolongadas. O estabilizador incorpora tamén un indicador en pantalla do eixe Z, que orienta ao operador sobre o ritmo e a pisada axeitados para minimizar vibracións e lograr tomas máis profesionais.
En termos de autonomía o DJI RS 5 pode cargarse completamente nunha hora, cunha mellora do 60 % na eficiencia de carga respecto ao RS 4. A batería estándar ofrece ata 14 horas de uso, mentres que a empuñadura de alta capacidade BG70 estende a autonomía ata as 30 horas, reducindo tempos mortos durante as xornadas de gravación.
DJI ampliou ademais a compatibilidade do obturador Bluetooth, que agora funciona con cámaras de Panasonic e Fujifilm, ademais das xa compatibles de Sony, Canon e Nikon. O sistema complétase con perillas de axuste fino con capas intermedias de teflón en cada brazo, que facilitan un equilibrado preciso mesmo con equipos profesionais máis pesados.
O RS 5 mantén funcións xa consolidadas nos estabilizadores de gama alta da marca, como os bloqueos automatizados de eixes de segunda xeración, o cambio vertical nativo de terceira xeración e a compatibilidade co ecosistema de accesorios, motores de enfoque, sistemas de transmisión e control remoto. O porto de comunicación RSA e o SDK aberto amplían as opcións de personalización e integración con solucións de terceiros.
O novo estabilizador xa está dispoñible na súa versión básica por 569 euros e inclúe o estabilizador, trípode de apertura rápida, soportes, placas de liberación rápida, empuñadura con batería BG33 e cable de control multicámara. Tamén existen outros lotes á venda máis completos con prezos que van dende os 719 ata os 1.318 euros.

Vídeo de presentación do DJI RS 5