Novo micrófono USB de HyperX

martes, 19 de xullo do 2022 Marcus Fernández

A marca de accesorios para gamers de HP, HyperX, moi popular polos seus auriculares, tamén ten produtos enfocados ao streaming como os seus micrófonos SoloCast e QuadCast, aos que agora súmase un modelo que queda nunha gama intermedia, o HyperX DuoCast.
Estamos ante un micrófono USB cun anel de luz RGB que lle outorga unha estética moi característica (controlable a través do software HyperX NGENUITY); permite captar son a 24 bits e 96 kHz cun baixo nivel de ruído; o seu deseño integra un sistema ante vibración; conta cun botón para poder silenciar o micrófono e unha rosca para axustar o nivel de ganancia; e pode operar cun patrón omnidireccional ou cun patrón cardioide (poden mudar de patrón con só premer un botón). Integra unha toma para auriculares, un adaptador de montura e un filtro anti-pop interno.
Falamos dun micrófono que podería considerarse como de gama media, cun prezo que estará no contorno dos 100 euros, o que estaría a medio camiño entre o SoloCast e o QuadCast, aínda que actualmente este novo micrófono tardará en atopar un oco no mercado, xa que actualmente o HyperX Quadcast está de oferta a menos de 100 euros en numerosos establecementos, podendo funcionar este micrófono con catro patróns polares diferentes, polo que estamos ante un produto máis completo que actualmente sería unha mellor compra.

JPEG - 59.5 KB
O HyperX DuoCast é un micrófono orientado a streamers

PUBLICIDADE