Novo visor 3D persoal de Sony

xoves, 1 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Aínda que os sistemas de lentes con pantallas LCD integradas para achegar unha experiencia audiovisual persoal e dando a impresión de que temos diante unha pantalla de grande tamaño non son ningunha novidade, Sony quixo incorporar novidades neste tipo de trebello e presentou o visor 3D persoal HMZ-T1, que serve tanto para ver contidos en 2D como en 3D, dando a impresión de que temos unha pantalla de 750 polgadas a 2 metros de distancia, ou sexa, como se estivésemos no cine. Para conseguir tal sensación o visor incorpora paneis OLED de 0,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles de xeito que a imaxe percibida está en alta definición, e amosando imaxes diferentes a cada ollo consegue crear unha visión estereoscópica superior a outras solucións baseadas en lentes polarizadas ou activas, aínda que coa desvantaxe do peso do visor (uns 420 gramos).
Esta nova solución 3D é compatible con outros produtos 3D de Sony, como reprodutores de Blu-ray, cámaras de vídeo e a PlayStation 3, e está prevista a súa venda a partir do 11 de novembro no Xapón a un prezo de 60.000 iens (547,20 euros).


Vídeo promocional do novo visor 3D de Sony

PUBLICIDADE