Novos móbiles de gama media de Nothing

martes, 4 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Nothing está a renovar os seus móbiles de gama media, sorprendendo desta volta con dúas variantes, o Nothing Phone (3a) e o Nothing Phone (3a) Pro, con prezos que parten de 329 e 459 euros respectivamente. Cómpre salientar que, aínda que o modelo Pro só está dispoñible con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, o modelo básico pode adquirirse con 8 GB de RAM e 128 GB de capacidade a un prezo moi axustado, mentres que a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento subiría até os 379 euros.
Estes móbiles comparten os seus elementos básicos, limitándose as súas diferenzas á configuración das súas cámaras: o modelo básico ten unha cámara traseira tripla cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles, un teleobxectivo con zoom óptico de 2x de 50 Mpíxeles e un grande angular de 8 Mpíxeles, contando a cámara frontal cun sensor de 32 Mpíxeles; mentres que o modelo Pro ten un teleobxectivo cun zoom óptico de 3x e unha cámara frontal de 50 Mpíxeles.
En común teñen o seu procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 3, a súa pantalla AMOLED de 6,77 polgadas (con refresco adaptativo de 120 Hz e até 3.000 nits de brillo máximo), 26 zonas iluminadas na súa parte traseira (para amosar notificacións dun xeito orixinal), batería de 5.000 mAh con carga rápida de 50 watts por cable e 7,5 watts de carga inversa por cable, resistencia IP64, NFC, altofalantes estéreo, lector de impresións dixitais en pantalla, Wi-Fi 6, dobre 5G (con soporte de eSIM), Bluetooth 5.4 e sistema operativo Nothing OS 3.1 baseado en Android 15 con 3 anos de actualizacións de Android garantidas e 6 anos de parches de seguridade.

Vídeo de presentación dos novos Nothing Phone (3a)