Nueva Pescanova avanza na súa transformación da man de Telefónica e HPE
mércores, 14 de setembro do 2022
O
Grupo
Nuevo Pescanova, Telefónica España e Hewlett Packard Enterprise
(NYSE: HPE) traballarán conxuntamente para avanzar no proceso de
transformación dixital da empresa galega, referente no ámbito
da pesca, o cultivo, a elaboración e a comercialización de produtos
do mar. En concreto, o acordo contempla a centralización da
información do grupo pesqueiro e a homoxeneización das súas
plataformas tecnolóxicas nos diferentes países nos que opera. O
obxectivo é conseguir que Pescanova conte cunha contorna compartida
coa que mellorará a seguridade, o control e a xestión da súa
información e gañará en termos de eficiencia e produtividade.
Segundo
explicaron, a alianza aposta por un modelo de co-localización que
busca optimizar o rendemento das infraestruturas dixitais do grupo e
que “será fundamental para a interconexión de todas as súas
sedes”.
Telefónica
España encargarase do deseño deste sistema, albergando nas súas
instalacións de Madrid o centro de procesamento de datos da
multinacional galega e xestionando as solucións de conectividade e
seguridade do proxecto. “Isto permitirá que os equipos de TI do
grupo poidan centrar o seu traballo en labores de alto valor engadido
e terá un impacto positivo en materia de sustentabilidade
ambiental”, informou a operadora.
Pola
súa banda, HPE baseou a súa proposta tecnolóxica en HPE GreenLake,
que ofrece, baixo unha única plataforma na nube e nun modelo
híbrido, aumentar a produtividade do departamento de Tecnoloxías da
Información da compañía pesqueira con seguridade, resiliencia e
unha maior eficiencia enerxética. O modelo de consumo de tecnoloxía
proposto por HPE axuda a promover a sustentabilidade na tecnoloxía,
“eliminando o aprovisionamento excesivo, facilitando a adaptación
das infraestruturas tecnolóxicas en función das necesidades e
facendo posible a recuperación de activos ao final do seu uso”,
explicou a empresa tecnolóxica.
Así
mesmo, Telefónica España e HPE desenvolverán conxuntamente novas
solucións no ámbito da seguridade, a integración na nube e a
mellora da usabilidade do ERP do grupo e xestionarán toda a rede de
datos e comunicacións fixas da multinacional, co resultado final
dunha homoxenización e estandarización das sedes da compañía en
todo o mundo, aínda contemplando as casuísticas e particularidades
de cada país.
O
acordo foi ratificado durante un encontro celebrado na sede central
de Telefónica en Madrid entre o director executivo (CEO) do Grupo
Nueva Pescanova, Ignacio González, o presidente de Telefónica
España, Emilio Gayo, e o presidente de HPE no sur de Europa, José
María de la Torre.
