O 10º concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos xa ten gañadoras
xoves, 21 de maio do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ciencia, veñen de fallar o X Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2026.
A gañadora na categoría de Primaria foi Claudia Vilas Sanromán, alumna de 5º curso do CEIP Humberto Juanes de Nigrán. Foi premiada por un relato titulado Unha viaxe no tempo que se presentou baixo o pseudónimo de Illescas. Neste traballo Claudia conta a historia dunha rapaza chamada Blanca que recibe de agasallo polo seu aniversario un móbil. Emocionada, vai ao instituto e saca unha foto coa súa amiga Kiara, pero sen o seu permiso sube a Instagram esa imaxe, que recibe comentarios negativos sobre o aspecto da súa amiga que acaba moi decepcionada con Blanca. Nunha inmersión onírica a un suposto estudo profesional de protección de datos do futuro, Blanca dáse conta que é fundamental protexer os seus datos para preservar a súa integridade e a das súas amizades. De volta á realidade, convence a Kiara para facer un traballo escolar sobre a protección de datos e retomar a súa amizade.
Na categoría de 1-2 da ESO a gañadora foi Alicia Alonso Álvarez, alumna que cursa 2º da ESO no IES de Mos. Foi premiada por un relato titulado Un correo no silencio do amencer que se presentou baixo o pseudónimo de Hamlet. Alicia escribiu unha historia dunha rapaza universitaria que, nunha noite de insomnio no seu piso de estudante, colleu o seu portátil e abriu un correo electrónico dun remitente descoñecido, cunha ligazón na que premeu. Tratábase da convocatoria dun concurso de debuxo técnico e, como estudante de Arquitectura, decidiu presentarse. Aínda que un pouco sospeitoso, e tras comentar cos seus compañeiros de curso, seguiu adiante co tema do concurso que finalmente gañou. Un tempo despois deuse conta que a súa conta do banco fora baleirada, e decatouse da estafa co correo electrónico. Fixo a denuncia na policía, que deu co estafador, e finalmente conseguiu recuperar os seus cartos.
Xa na categoría de 3-4 da ESO a persoa gañadora foi Bárbara Vizoso González do Colexio de Fomento Montespiño da Coruña. Presentou, baixo o alcume Pávela, un traballo titulado co mesmo nome, Pávela. O relato, dividido en catro capítulos, narra diferentes ficcións, por exemplo, a dun rapaz chamado Leo, e o seu descoñecemento sobre as cookies; María e a súa teima por publicar fotos e vídeos nas redes; Antón e o seu afán por descargar aplicacións de xogos no móbil aceptando todos os permisos; e a casa dos Pazos coa aplicación Alexa, asistente virtual que escoitaba todo no fogar. Os relatos conclúen todos eles cunha ensinanza sobre a necesidade de protexer os datos persoais.
As tres gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Finalmente, o Colexio e a Xunta outorgan un recoñecemento especial ao centro con maior participación, o Colexio de Fomento Montespiño da Coruña.
Este concurso ten por obxecto que “a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
