O 14 de marzo celébrase a 3ª edición da CITIC Cyber Competition (C3TF)

venres, 1 de marzo do 2024 S. P.

O vindeiro 14 de marzo celébrase a terceira edición do CITIC Cyber Competition (C3TF), unha competición deseñada para que os estudantes poñan a proba as súas habilidades en ciberseguridade. O evento está organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración con atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo), e patrocinado pola Cátedra R en Ciberseguridade.
Esta competición de ciberseguridade realizarase en estilo CTF, do inglés Capture The Flag (Captura a Bandeira). Nela, os participantes tentarán resolver unha variedade de desafíos relacionados coa seguridade informática para atopar “bandeiras” ou tokens que representan puntos. Segundo explican as tres entidades organizadoras da proba, “estes desafíos poden abranguer unha ampla gama de áreas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñería inversa, hacking de aplicacións web ou explotación de vulnerabilidades, entre outros”.
Na pasada edición do CITIC Cyber Competition participaron 32 equipos formados por estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster. En total, dos 119 alumnos, 50 competiron desde o CITIC da UDC, 29 desde atlanTTic da UVigo e 40 en remoto.
Modalidades e premios
Na competición poden participar persoas que estean a estudar actualmente (2023/2024) ou que finalizasen os seus estudos durante o ciclo anterior. A inscrición é obrigatoria e debe realizarse en equipos de ata 5 persoas. Pódese participar tanto de forma presencial, no CITIC da UDC ou no atlantTTic da UVigo, como en liña. A competición terá unha duración de 4 horas, en horario de 15.30 a 20.30, o próximo 14 de marzo.
Ao finalizar celebrarase a entrega de premios para os tres equipos finalistas: o primeiro equipo recibirá 1.000 €, o segundo 700 € e o terceiro 400 €. Ademais, haberá agasallos e unha merenda para todos os participantes en modalidade presencial. As prazas son limitadas.
A inscrición está aberta ata o próximo 6 de marzo, de forma gratuíta, a través da ligazón específica habilitada.
Evento TalentoCibeR
A CITIC Cyber Competition (C3TF) celébrase dentro da primeira edición do evento TalentoCibeR. A partir das 10.30, realizaranse dous obradoiros prácticos e unha mesa coloquio cos que se pretenden visibilizar o talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar as novas vocacións a través do achegamento entre as empresas e os estudantes. O evento celebrarase de forma presencial e simultánea no CITIC da UDC (A Coruña) e na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da UVigo (Vigo).
A inscrición é obrigatoria, individual e independente ao rexistro do C3TF. Tamén está aberta ata o próximo 6 de marzo, de forma gratuíta, a través doutra ligazón específica.

PUBLICIDADE