O 1º premio do ciclo internacional de cine submarino de San Sebastián veu para Galicia

luns, 2 de maio do 2011 Raquel Noya

O mar da fin do mundo. O reino dos cefalópodos, é o título do documental científico galego que engaiolou ao xurado da edición deste ano do Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián, CIMASUB 2011, traendo para Galicia o primeiro premio dunha das categorías máis importantes.
Trátase dun documental sobre os cefalópodos das costas galegas, que mostra de forma maxistral como é a vida que desenvolven estes animais nas nosas rías.
Polo seu carácter científico e divulgativo, esta produción audiovisual que por certo, está en galego, foi distribuída polos centros de ensino de toda Galicia, co fin de achegarlles aos alumnos e alumnas contidos curriculares propios das ciencias naturais para que aprendan na súa lingua da maneira máis amena posible.
O reino dos cefalópodos, que obtivo o galardón na categoría de traballos de máis de 25 minutos, contou para a súa creación coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O documental foi producido por José Irisarri, dirixido por Manuel Uhía e contou coa participación de Manuel E. García como cámara e documentalista.
Asemade, foi coproducido por Marevisión e Gestión y Tratamiento de Imagen del Atlántico e contou co asesoramento científico de Ángel Guerra, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, e de Roger T. Hanlon, do Marine Biological Laboratory, un dos maiores expertos en cefalópodos do mundo.
O Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián clausurou na fin de semana a súa trixésimo quinta edición.

PUBLICIDADE