O 59,5% dos influencers españois emprega métodos artificiais de crecemento en Instagram

luns, 19 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Un informe elaborado por HypeAuditor titulado The State of Influencer Marketing 2019 pretende explorar a fraude entre os influencers en Instagram, analizando máis de 4 millóns de contas de influencers e máis de 500 millóns de publicacións en Instagram de todo o mundo.
O estudo desvela que o 59,5% dos influencers en España emprega métodos artificiais de crecemento en Instagram, como a compra de seareiros, a utilización de ferramentas de seguimento automático de usuarios (na busca de reacción recíproca), a compra de comentarios e gústames ou incluso a integración en grupos de usuarios que interactúan entre si para favorecerse mutuamente.

JPEG - 51.1 KB
A compra de comentarios é unha práctica doada de detectar. Chega con mirar máis aló dos números.

España sería o cuarto país en trampas para esaxerar a presenza en Instagram (despois de Alemaña, Xapón e Francia), e incluso detallan que o 20,99% dos influencers en España mercan seareiros, o 38,18% merca comentarios (táctica que pode detectarse rapidamente dada a pouca credibilidade de moitas das interaccións), o 14,25% empregaría a táctica de seguir a outros usuarios buscando reciprocidade (deixando de seguir aos usuarios que non devolven responden positivamente), o 10,65% formaría parte de grupos organizados para mellorar o seu número de interaccións e o 2,53% compran gústames.
Con estes datos na man deberiamos reflexionar na honestidade de moitos influencers que explotan comercialmente un alcance ficticio, polo que as marcas deberían ter moito tino sobre os patrocinios que contratan, á vez que os usuarios das plataformas sociais deberían ser conscientes que os niveis de interacción visibles non sempre se corresponden á realidade, polo que contas de usuarios que semellan moi modestas poden ser realmente moito máis influentes do que semellan a simple vista.

PUBLICIDADE