O Arquivo Municipal de Ribeira prosegue a súa dixitalización coa axuda de Family Search e Unayta

xoves, 5 de decembro do 2024 S. P.

O Arquivo Municipal de Ribeira confirmou este 5 de decembro novos e importantes avances na súa traxectoria de dixitalización, unha andaina “dilatada” de adaptación aos novos tempos que contou coa experiencia de entidades como Family Search (entidade sen fin de lucro cuxo cometido principal é chegar a facer a árbore xenealóxica mundial), responsábel de proxectos tan destacados como a dixitalización do Arquivo Diocesano de Granada, entre outros, e que este xoves asinou un novo convenio co Concello de Ribeira.
Ao devandito súmase o importante traballo levado a cabo pola empresa galega Unayta, con sede en Ames, que estivo desenvolvendo recentemente labores de descrición, organización e catalogación de fondos documentais de gran valor no Concello de Ribeira, incluíndo o Padrón Municipal de Habitantes e a documentación de Patrimonio, garantindo a súa preservación a longo prazo e facilitando o acceso á información para o persoal municipal e a cidadanía. Cada fondo foi descrito conforme aos parámetros de NOGADA e os datos incorporáronse á plataforma ARQA, que proporciona unha interface intuitiva para a xestión dos fondos documentais.
Na formalización do acordo asinado este 5 de decembro participaron o rexedor ribeirán, Luís Pérez, o xerente de Family Search de Relacións Institucionais na península Ibérica, Ezra Gomar, a consultora de Negocio Documental de Unayta, Balbina Gándara e o arquiveiro municipal, José Antonio Otero.
O acto comezou ca sinatura do convenio do Concello de Ribeira con Familly Search para despois facer unhas valoracións de dito acordo. Ezra Gomar agradeceu ao Concello por este novo convenio e dixo que “sempre traballamos con documentos que teñan máis de cen anos para non ter conflito coa lei de protección de datos”, tamén fixo referencia á parte técnica: “Chegamos a un acordo para facelo ca normativa establecida pola Xunta de Galicia tanto na web da Galiciana como en Familly Search”, e finalizou destacando as vantaxes de ditas dixitalizacións: “É un beneficio para a sociedade que investigadores de tódalas partes do mundo podan acceder a estes arquivos”.
Os traballos en Ribeira comezarán no vindeiro ano 2025.
Luís Pérez encomiou ese inxente traballo que se está a facer dende Familly Search para crear a árbore xenealóxica da humanidade e dixo que “o Concello de Ribeira non quería quedar atrás neste reto e dende o Consistorio abrímoslle á entidade as portas do Arquivo Municipal”.
Explicou tamén que “no Concello de Ribeira estamos democratizando o acceso ao Arquivo Municipal, ao abrilo á poboación ademais de facilitar o traballo dos investigadores e investigadoras de todo o mundo”. O rexedor anunciou que ”o Arquivo Histórico de Ribeira quere dar un paso máis e traballará en achegarse á veciñanza para que colabore en dita dixitalización e como non, para facer máis accesíbel toda a documentación histórica do municipio”.
Para o devandito está previsto crear un espazo na web onde a veciñanza poderá ver todo o material dunha forma máis visual e tamén poderá achegar de forma telemática e analóxica novos documentos para o arquivo do municipio.
Balbina Gándara, da empresa Unayta, encargada do traballo de descrición e catalogación do propio arquivo, entregou un USB ao alcalde cunha listaxe de todo o traballo realizado para o Arquivo Municipal durante varios meses.
O rexedor tamén agradeceu á empresa Unayta o traballo desenvolvido e Gándara finalizou deste xeito: “Grazas ao traballo realizado, o Concello de Ribeira dispón agora dun sistema de arquivo modernizado e adaptado ás necesidades contemporáneas, sen esquecer a importancia de preservar a súa memoria histórica”.