O Banco de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro organiza un obradoiro de reutilización de computadores

martes, 21 de outubro do 2025 S. P.

O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 25 de outubro, un repair coffe de equipos informáticos. Trátase dun obradoiro de posta a punta e reciclaxe do computadores usados.
​Este sábado, 25 de outubro, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
​Desta volta impartirase un obradoiro de posta a punto e reciclaxe de computadores. Este obradoiro será impartido polos voluntarios do Banco de Reciclaxe de Electrónica de Milladoiro, dentro das súas actividades de divulgación de software libre e novas tecnoloxías.
Explican que un repair coffe é un espazo comunitario e gratuíto onde as persoas poden levar obxectos estragados (electrodomésticos, roupa, mobles, aparellos electrónicos, bicicletas etc.) para que voluntarios/as as axuden a reparalos, no canto de tiralos e comprar novos. Este concepto naceu en Amsterdam (Países Baixos) en 2009, de man da xornalista Martine Postma, e desde entón estendeuse por todo o mundo, incluída Galicia, onde xa hai varios grupos locais que organizan estes encontros.
Características principais:
​-Obxectivo: reducir residuos, fomentar a economía circular e promover a reparación como alternativa ao consumo desmedido.
-Como funciona: as persoas levan os seus obxectos, aprenden a reparalos coas ferramentas e coñecementos dos voluntarios, e adoitan compartir un café ou algo para comer mentres traballan en equipo.
-Actividades: ademais de reparacións, organízanse obradoiros sobre reciclaxe, reutilización ou mantemento básico de obxectos.
-Filosofía: baseado na colaboración, a aprendizaxe e a sostibilidade.
A inscrición pódese realizar en liña. A actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas.
O Banco Municipal de Reciclaxe é un proxecto que aposta pola reutilización de obxectos en bo estado, ofrecéndolles unha segunda vida e reducindo o volume de residuos. Deste xeito, promóvese un consumo responsable, solidario e sostible, fomentando a economía circular e o coidado do medio ambiente.